O Concello de Ames aproba a gratuidade para segundos fillos nas súas escolas infantís

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Escuela infantil municipal de O Bosque
Escola infantil municipal do Bosque PACO RODRÍGUEZ

A medida entrará en vigor este mesmo curso tras un período de información e exposición pública

30 sep 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

Tras aprobarse de forma inicial no último pleno, o Concello de Ames modificará a ordenanza que regula os prezos das escolas infantís municipais para poder bonificar o 100 % do curso escolar aos segundos fillos de cada familia. Esta bonificación entrará en vigor este mesmo ano e non só se aplicará para os segundos nenos, senón tamén para os sucesivos de cada unidade familiar, que verán sufragados os gastos da súa atención educativa para este curso 2020/2021.

A corporación municipal aprobou por unanimidade o cambio na ordenanza municipal número cinco que permitirá aplicar esta bonificación nas escolas do Bosque e A Madalena, que son as que dependen do Concello. Polo momento, a aprobación é só inicial, posto que a partir de agora abrir un proceso de información e exposición pública antes de que entre en vigor de forma definitiva.

A medida adóptase en liña coa decisión da Xunta de ampliar tal gratuidade para segundos fillos e será o ente autonómico quen dote de fondos aos Concellos para sufragar esta axuda económica ás familias.