As pandereitas deste artesán de Ames chegaron ata Xapón

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

AMES

PACO RODRÍGUEZ

Xosé Tunhas leva 15 anos fabricando instrumentos de percusión, fai traballos personalizados e moitos artistas confiaron nel

05 ago 2020 . Actualizado ás 08:29 h.

Tería uns 22 anos cando se lle ocorreu desmontar un tambor «por ver como estaba feito e saber tamén como coidalo». Xosé Tunhas tocaba entón este instrumento na banda de gaitas Os Castros de Ames , concello ao que pertence e no que acabou establecendo o seu propio taller de artesanía. O que empezou como un pasatempo rematou converténdose no seu medio de vida. Desde O Pontanxil (un núcleo de pouco máis de 60 habitantes, na parroquia de Trasmonte) chéganlle encargos de medio mundo. «Agora estou facendo unha pandeireta para Xapón. Non é a primeira que mando para alá. É para unha rapaza xaponesa que canta e toca. Tamén teño enviado instrumentos a Suíza, Gales, Estados Unidos, Sudamérica...». Algún lugar que non teña colonizado aínda? «Para Australia non fixen aínda nada, pero todo se andará», responde cun sorriso. Conta que empezou a tocar con 17 anos. «Sempre percusión», incide, e o primeiro que fabricou foi unha pandereita, a cal conserva aínda. «Daquela parecíame que me saíra moi ben. Agora, con un pouco de perspectiva, véxoa como o traballo dun principiante, que é o que era», comenta. O coñecemento que ten como músico (é baterista de Caxade), xunto co mimo e empeño que pon en cada peza, fixeron que moitos artistas confiasen nel.

«Para min todos vos encargos son importantes, tanto me ten que sexa para Xabier Díaz como para calquera alumno dunha escola, fágoos co mesmo interese. É certo que sempre dá gusto que alguén recoñecido confíe en ti, dáche certo prestixio e é gratificante», recoñece. A lista é longa, pero «Felisa Segade, de Leilía, foi unha das primeiriñas ás que lle fixen un tambor». Xosé formouse no oficio de forma autodidacta, deixándose guiar polo seu propio oído e polos consellos dos seus clientes. Leva xa 15 anos como autónomo e nos últimos tempos aliouse coas novas tecnoloxías para facer instrumentos personalizados pouco convencionais.

Usa unha máquina láser para gravar frases, logos ou debuxos. E, en colaboración coa empresa do investigador e técnico de son Tomás Ageitos (Landra), elabora cos seus membranas sintéticas —substitúen á pel tradicional e non varían de son en función dos cambios de temperatura— desde impactantes pandereitas totalmente negras como a que fixo para María Xosé Silvar (Sés) e ata cun debuxo dun unicornio no parche ou un retrato realista da avoa dun cliente.

A diferenza do que ocorre con outros oficios en perigo de extinción, asegura que na fabricación de instrumentos sucede todo o contrario: «Cada vez hai máis artesáns, afortunadamente, porque a música tradicional está moi viva e se hai xente tocando haberá outros coma min construíndo, vendendo e reparando».

Trucos para perregrinar

Ata en tres ocasiones a actriz e presentadora Sara Escudero ha perregrinado ata Santiago coas súas dúas golden retriever (Nala e Zuri) polo Camiño Francés. Por iso foi fichada polo Ministerio de Cultura como embaixadora na web do Consello Xacobeo para dar algúns «consejines» sobre como facer a ruta acompañado dunha mascota e explicar a experiencia. Para ela, «o importante do Camiño é facelo coa compaña que queres, ao teu ritmo e sen pensar noutra cousa que non sexa vivilo, cada paso», destaca a avileña nas súas redes sociais.

Tras o ADN «ullán»

Saídas de campo, actividades de interpretación, talleres sobre cultura, acampadas, accións de sensibilización, investigación e divulgación... Todo iso serviu nas últimas dúas semanas para achegar aos mozos da comarca dá Ulla ao territorio que os rodea e aos actores sociais que o habitan. Deste xeito buscaba espertar a vinculación coa súa contorna ADN_Ulla, un proxecto de Iniciativa Xove subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude. Con Fátima Limia Rocha como responsable informal do grupo, 21 mozos de entre 13 e 25 anos dedicáronse a seguir a pegada do «carácter ullán» para divulgala no novo mundo das redes sociais. O equipo comezou o día 20 a recuperar a memoria a través do testemuño oral, como punto de partida para coñecer a historia e carácter propio da comarca. Tras conectar con ese «sentir», será divulgado agora nun soporte familiar para as redes sociais.