Se miras ben non hai elfos, pero si zocos e trasnos

Por Sonia Portela

AMES

cedida

A solidariedade cumpriu coa carta aos Reis Magos a máis de trescentas familias

09 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Nadal é un bo momento para deixarche levar por cancións e mensaxes pegadizas que non necesitan ningunha explicación porque todo o mundo a pilla ao voo. Este ano, os elfos foron os protagonistas de moitos soños, pero todo se pode adaptar. Que llo digan ao proxecto que naceu da batuta de Mertxe Álvarez, cando desde a asociación Vivo en Ames puxo en marcha, en coordinación coa Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), a iniciativa Zocos e Trasnos para que familias solidarias cumprisen os soños de xogos e diversións de nenos con dificultades. Catro anos despois, o programa continúa en Ames con xestión directa da área de voluntariado e en Teo e Negreira en coordinación con Vivo en Ames. A filosofía é a mesma, e a capacidade de axuda tamén. Rubén Ramos e Soraya Añón coordinaron o traballo logrando que 212 zoquiños e zoquiñas visen cumprido o seu soño. «Hai moita implicación veciñal, pero tamén imprevistos, con cartas que nos chegan a última hora, polo que tamén temos trasnos de reserva para que ninguén se quede sen agasallo», explica Ramos, que tamén resalta a colaboración da empresa Tecalis, que dedicou os fondos da súa cea do Nadal para facer felices a unha vintena de amienses. No veciño municipio de Teo, Eva López, educadora social do Concello, foi a encargada de coordinar este programa con Mertxe Álvarez. É o segundo ano que participa e a idea é seguir apostando por un modelo que aplica «unha boa maneira de exercer a solidariedade con quen menos ten, axudando a un reparto máis xusto», explica a funcionaria teense. Laura Pratas, da área de Voluntariado de Negreira, tamén recoñeceu o interese por colaborar, ata o punto que houbo máis trasnos que zocos, e iso que os agasallos chegaron a medio centenar de fogares. Sexa motu propio como Ames, ou de forma coordinada en Teo e Negreira, a organización é a mesma. O primeiro paso é buscar tantos trasnos como sexa posible. Zocos e zocas están localizados porque son menores de familias con escasos recursos ás que lles resulta moi difícil exercer de Reyes Magos. As misivas cargadas de ilusión chegan a caixas de correos especiais, nas que se cambian nomes por códigos para preservar a intimidade de quen remite e envíanse ao trasno correspondente, que debe entregar os agasallos cos mesmos códigos a tempo para repartilos antes do día 6.

Monte Bravo en Frades

Que Galicia é un marabilloso estudio de cine é evidente. Unha pequena demostración está na curtametraxe Monte Bravo, da directora Noelia Muíño, veciña do Pino que elixiu a zona fradense coñecida como Muíño de Célticos para contar a historia de Paula, unha nena que un día ve un home lobo cando xoga co seu irmán. A trama, ambientada despois da Guerra Civil, está «rodada integramente en Galicia e en galego», segundo destacou a directora na preestrea da súa obra, á que asistiron Paula Vázquez Corral e Pablo Blado, os protagonistas. María del Carmen Corral Sanjurjo, avoa da nova actriz sobre a que vira a historia, tampouco quixo perderse a estrea no que ela tamén fixo de si mesma, mentres que Isabel Figueira interpretou á nai de Paula. Manuel Ferreiro, edil de Cultura de Frades, tamén foi artífice do éxito, no seu caso entre bastidores, xa que foi el quen ensinou posibles localizacións a Noelia Muriño.

Cita para dar e pedir

Á asociación Compostela Solidaria quedou bo sabor de boca tras o bo resultado do concerto que organizaron hai máis dun mes para recadar fondos. Onte, o seu presidente, Luis Rivero e Carlos Nieves (vicepresidente), xunto a boa parte das persoas que integran o colectivo, reuníronse co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para ofrecer a súa colaboración para varias iniciativas solidarias en marcha e tamén para pedir apoio ás súas actividades.