O goberno amiense esixe que se redacte a ampliación da EDAR de Sisalde

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Sostén que só unha ampliación pode emendar a saturación que padece por atender a máis do dobre de usuarios dos previstos

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

O alcalde de Ames, José Miñones (PSdeG-PSOE) e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para reclamar a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sisalde, que dá servizo, ademais da o concello amiense, ao de Brión.

Augas de Galicia recoñeceu a urxencia de ampliar esta EDAR, que foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes e que soporta actualmente una de 23.500. A depuradora, que está situada xunto ao río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo do 2001.

Saturación

O goberno local de Ames sostén que só unha ampliación da EDAR pode emendar a saturación que padece por atender a máis do dobre de usuarios dos previstos. Para iso é necesario redactar un proxecto de obra que permita así determinar que investimento económico habería que afrontar.

Segundo o alcalde de Ames, a presidenta de Augas de Galicia admitiu na reunión que é urxente ampliar a EDAR de Sisalde e que xa tiña un compromiso para acometer a obra no 2012 que non se chegou a levar a cabo. O rexedor lembroulle que hai meses xa lles anunciou que ía comezar con ese primeiro e necesario paso que é a redacción do proxecto, algo que agardan que suceda no 2020.