A USC estudará as condutas adictivas do alumnado de Ames

maría rodríguez SANTIAGO / LA VOZ

AMES

cedida

O Concello promoverá un plan contra drogodependencias

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

A Unidade de Psicoloxía do Consumidor e ou Usuario da USC e a Concellaría de Sanidade de Ames están a traballar na redacción dun estudo sobre o consumo de drogas e as condutas adictivas entre a mocidade do municipio. A finalidade desta sinerxía é dispor dun plan específico de prevención. Para elaboralo contarán coa colaboración de 1.750 menores da rede de centros de Ames O alumnado participante no proxecto, que corresponde a escolares de entre quinto curso de primaria e segundo de bacharelato, estará dividido en setenta grupos, dos que medio centena serán novos de secundaria e bacharelato, sendo os vinte restante escolares dos dous últimos anos de primaria.

O equipo da USC está dirixido por Antonio Rial, experto nesta materia tras ter participado en máis de douscentos proxectos de investigación aplicada no ámbito das drogas.

A unidade encargada do informe amiense foi a que realizou o primeiro estudo sobre adolescentes e o uso de Internet. Tamén o informe Mocidade en liña (2014), considerado o traballo empírico de maior envergadura de España ao tomar como referencia unha mostra de datos achegados por 44.000 persoas.

Programa escolar

En paralelo a este estudo, cuxas conclusións servirán para concretar mellor as medidas para previr o consumo de drogas, Ames desenvolve desde fai tres anos un plan de prevención de condutas adictivas no ámbito escolar, que tamén inclúe educación sexual.

Esta iniciativa está enfocada a estudantes de entre sexto de primaria e cuarto de ESO nos colexios de Barouta, A Maía, Agro do Muíño e Ventín e os IES do Milladoiro e IES de Ames (Bertamiráns). Neste caso hai 840 participantes, unha cifra á que hai que sumar á familias e a 31 docentes destes centros públicos. No que vai de curso celebráronse 190 sesións de traballo, deseñadas por grupos de idades e adaptadas ás circunstancias de cada equipo.

O Concello resalta que o desenvolvemento de ambos os programas obedece a que o consumo de drogas é un dos principais problemas sociosanitarios en todo o mundo xa que, a pesar dos programas de prevención, o último informe elaborado polo do Ministerio de Sanidade conclúe que os niveis de consumo de sustancias estupefacientes experimentaron un incremento do que non se libran os máis novos.

1.750

Alumnado

O estudo creará setenta grupos de mozos.

840

Participantes

O plan escolar actual realízase en seis centros.

45

Sesións

O plan actual inclúe charlas de educación sexual.