Comprar nicho xa non está de moda

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

XOAN A. ADOITAR

Os cemiterios municipais de Ames, Teo e Oroso, os concellos de máis puxanza demográfica, teñen tres mil sepulturas pero pouco máis de cen están adxudicadas

12 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A cultura funeraria de Galicia xa non é o que era. A tradición de preocuparse sobre como será o seu enterro e onde se depositarán os seus restos parece que aos poucos está pasado a mellor vida. Un síntoma desta realidade é o desapego actual entre as persoas en idade adulta de dispor de nichos, sepulturas ou mesmo cinceiros para gardar os restos das incineracións, cuxa demanda vai en aumento

Os cemiterios parroquiais son a principal opción entre os municipios máis pequenos, xa que soamente os concellos con máis de vinte mil habitantes teñen a obrigación de dispor dun cemiterio público e aconfesional. No ámbito compostelán, Ames é o único concello que debe contar con cemiterio municipal. Ten máis de dous miles sepulturas, pero nestes momentos soamente hai tres persoas enterradas.

O Concello abriu o ano pasado un proceso de licitación para adxudicar ao redor da metade dos espazos construídos, pero o número de tumbas adxudicadas foi moi inferior. Dos 190 panteóns con capacidade para tres sepulturas e un depósito de cinzas cada un soamente adxudicáronse dous. Un durante 25 anos e outro por 75. Os veciños tamén podían optar a 72 panteóns con catro sepulturas cada un pero soamente produciuse unha adxudicación, neste caso por un período de 75 anos.

En canto ao resto de espazos de enterramento, os amienses pecharon acordos de cesión de tres depósitos para cinzas e seis nichos independentes, fronte ás 58 tumbas dispoñibles e os 97 depósitos de incineración.

En canto ao cemiterio municipal de Teo, que como o de Ames foi construído con fondos do Plan E, dispón de 576 sepulturas en Montouto, pero soamente están once ocupadas dun total de 31 vendidas. E dos catro depósitos de cinzas con dono, tres están ocupados, e parte das tumbas utilizadas corresponden a traslados doutros cemiterios. Dáse a circunstancia de que cando se deseñou e construíu este cemiterio non dispuña de espazos para o depósito de cinzas, que se incorporaron posteriormente.

Oroso, a pesar de que en cifras globais non se achega ao censo de Ames nin de Teo, é un dos concellos de Galicia de maior e sostido crecemento demográfico. Por iso promoveu a construción dun cemiterio público con capacidade para asumir 308 enterramentos. No ano 2015 iniciou o proceso de adxudicación de sepulturas ao percibir unha importante demanda. Foi así, xa que desde entón nas instalacións habilitadas en Marzoa pecháronse 85 adxudicacións. Neste municipio, a única posibilidade de acordo de cesión é por 75 anos.

O recinto funerario de Montouto ten enterrador e o de Bertamiráns recortou taxas 

A escasa demanda para dispor de sepulturas e a mínima ocupación destes espazos funerarios non evita que os concellos deban dispor dun servizo de mantemento e vixilancia destas instalacións.

No caso de Teo, a xestión do cemiterio é directa, para o que dispón dun conserxe e enterrador incorporado ao persoal municipal a finais do 2018 tras superar un concurso-oposición ao que se presentaron vinte e oito persoas, pero tres foron excluídas. Os candidatos tiveron que aprobar un exame teórico e outro práctico. No segundo caso, as probas consistiron na colocación dunha tapa de panteón, a reparación dunha luminaria e a identificación de ferramentas.

Ames, pola súa banda, ratificou por unanimidade na súa ultima sesión plenaria unha modificación na ordenanza fiscal para eliminar a cota tributaria de 30 euros para o permiso de acceso a toda clase de depósitos. Tamén quedou suprimida a taxa de 162,72 euros por apertura ou peche dunha sepultura especial, ademais dos 189 euros fixados inicialmente pola tarefa de apertura para un osario e o peche de sepulturas especiais.

O Concello amiense optou por eliminar estas taxas co obxectivo de en «simplificar o número de trámites administrativos para o cidadán», unha chiscadela por conseguir máis clientela. O Concello recoñeceu na súa proposta plenaria, ratificada o pasado 27 de decembro, que este servizo ten ata a data poucas concesións pechadas.