Ames licita melloras nos viarios de varios núcleos rurais

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

11 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou o expediente de licitación dun proxecto de acondicionamento de camiños das parroquias de Ortoño e Ames cuxo orzamento ascende a 52.250 euros, dos que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) achegará máis de 43.000 euros. Pola súa banda, o Concello sufragará o IVE, que supera os 9.000 euros.

A intervención en Ortoño servirá para acondicionar 330 metros dun viario que comunica a escola unitaria en Punxeiras Baixas cun tratamento asfáltico e limpeza das cunetas. O proxecto na parroquia que dá nome ao municipio chegará ao núcleo de Seares de Abaixo. Neste caso, o tramo de vía a mellorar supera o quilómetro.

En relación a ambas as obras, o Concello amiense incide en que «van encamiñadas a incrementar a largura dos camiños, incidindo na mellora da seguridade e permitindo o cruzamento dos vehículos en zonas de curvas de baixa visibilidade».

Estas licitacións súmanse outras dúas iniciadas tamén en Ortoño, nos camiños de Santo a Mourigade e de Maguxe a Lapido. Neste caso, o importe ascende a 144.780 euros, financiados coa asignación da Deputación para Ames dentro do Plan Único deste ano.