Un experimento en Ames coidará vacas de trece razas durante dous anos para ver a calidade da carne

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

cedida

A Universidade de Santiago valorará os resultados mediante unha cata internacional

20 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Exemplares de trece razas bovinas de todo o mundo, incluída a Rubia Galega, permanecerán durante dous anos en terreos de Trasmonte (Ames) para analizar a calidade da súa carne tras crialas nas mesmas condicións. Discarlux, a firma promotora do proxecto, denominado Fisterra Bobine World, elixiu este lugar de Ames porque reúne as condicións que os técnicos consideran idóneas para desenvolver esta investigación, para a que escolleron animais da mesma idade. A empresa buscaba unha zona de Galicia con bos pastos naturais situados en chan próximo ao mar e coa posibilidade de alimentar as reses con millo autóctono. E estas particularidades atopáronas en Trasmonte, en terreos rodeados de piñeiros e carballos a uns vinte quilómetros da costa e preto do Camiño de Fisterra. As razas elixidas son Angus Aberdeen, Wagyu, Simmental, Galloway, Hereford, Dexter, Highland, Cachena, Limia?, Sayaguesa, Maronesa, Frisoa, ademais da Rubia Galega, que tamén inclúe un boi. Na selección tiveron en conta a súa boa adaptación, morfoloxía, rendemento e a calidade da súa carne.

A USC valorará os resultados desta investigación mediante unha cata internacional da carne destes animais unha vez que pasen os anos de cría.

Discarlux presentou onte a iniciativa, apadriñado por Vicente del Bosque. O alcalde de Ames, José Miñones, destacou na súa intervención «a importancia deste proxecto, que poñerá a Trasmonte no mapa internacional», e avanzou que o Concello «buscará potenciar o entorno coa posta en marcha dunha aula de formación que permita a gandeiros de toda España acercarse a coñecer o proceso de cría, e tamén abrir á mocidade esta explotación para que coñezan a cría do vacún».