Ames recibe preto de 500 propostas para os orzamentos participativos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

AMES

CEDIDA

Un terzo son iniciativas para a mocidade e o resto para o medio rural, cun investimento total de 192.000 euros

10 jun 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

O pasado 16 de maio finalizou o prazo para presentar propostas ao programa de orzamentos participativos de Ames e, unha vez que o Concello fixo o reconto, son 490 as iniciativas que se formalizaron. Delas, un terzo (103) corresponden a proxectos para os mozos, mentres que o resto (387) están dirixidas ao medio rural. O investimento global é de 192.000 euros, dos que 60.000 serán para a primeira categoría e os 132.000 restantes para a que está dirixida ás zonas non urbanas do concello.

Precisamente, unha das novidades deste ano é que, por primeira vez, todas as parroquias amienses están representadas nos orzamentos participativos con propostas propias. O ano pasado quedaron fose Agrón e Ames. E, ademais, tamén haberá representantes de todas elas na comisión que deberá finalmente determinar que proxectos son os que reciben o financiamento municipal.

Para poder culminar o proceso, do 17 ao 27 de abril o Concello realizou reunións informativas todos os días nos locais sociais. En total, foron doce encontros cos veciños aos que acudiron unhas 350 persoas, das que duascentas eran veciños do rural e máis de cen alumnos dos centros de ensino secundario.