Máis de 70 filmes para nenos en Ames

La Voz

AMES

Santi M. Amil

Cinema Crianza celebrarase do 15 ao 17 de decembro nas casas de cultura de Milladoiro e Bertamiráns

09 dic 2017 . Actualizado ás 04:55 h.

A pantalla grande despregarase especificamente para os máis pequenos da casa en Ames. Un total de 70 curtametraxes competirán na primeira edición de Cinema Crianza. A iso haberá que engadir a proxección de cinco películas, así como sesións que mostrarán a produción galega. Todas elas se proxectarán do 15 ao 17 de decembro nas casas de cultura de Milladoiro e Bertamiráns.

Do tirón que logrou esta primeira edición do festival de cine infantil de carácter internacional fala o feito de que se presentasen 2.500 películas e curtametraxes de 118 países para competir. Desde a organización destacan que isto permite mostrar obras singulares, das que non adoitan verse nas salas de cine convencionais.

Neste festival teñen cabida desde bebés que aínda non dan os seus primeiros pasos ata adolescentes. As curtametraxes estarán agrupados en sesións, atendendo tanto á temática que abordan como á idade recomendada polos mesmos. Haberá a sección Axóuxeres, con pezas destinadas para menores de tres anos, e Buxainas, para nenos a partir desa idade.

O festival arrincará o venres a partir das 18 horas cunha sesión, tanto en Bertamiráns como en Milladoiro, para pequenos e maiores na que se proxectarán os traballos da cineasta alemá Lotte Reiniger, unha pioneira na arte do cine de animación mediante personaxes de siluetas e xogo de luces e sombras. Poderase ver unha selección de contos clásicos, como Cincenta.

As entradas -2 euros adultos e 1 euro infantil- xa se atopan á venda desde este xoves. Nalgúns casos, a entrada é gratuíta, pero é preciso retirar a invitación. Por outra banda, o xurado desta primeira edición de Cinema Crianza, que promove a cooperativa cultural Urdime, estará formado por Araceli Gonda, Nico Campos e Amalia Mato.