A Baña, Lestedo, Zas e Muimenta mostran o potencial da filloa

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

A Baña

cedida

O concello barcalés celebra a súa cita gastronómica os días 23 e 24

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A mestura de auga, fariña, ovos e sal dá moitísimo de si. Que llo digan ás mulleres que desde nin se sabe canto tempo utilizan estes humildes ingredientes para elaborar filloas, un dos pratos que marcan a identidade da gastronomía galega.

Facer filloas require moita maña e paciencia, pero tamén variada infraestrutura. As dúas primeiras premisas son comúns na Baña, Lestedo (Boqueixón), Zas e Muimenta (Cospeito), pero en cada un destes núcleos a forma de facelas é moi distinta, sobre todo polo material sobre o que se elabora e o tamaño e textura final do produto.

A Baña presume da súa filloa dá pedra. Tanto é así que onte reuniu a representantes do resto de lugares que renden tributo a este prato para organizar un acto de promoción conxunta da súa festa, a primeira do calendario filloeiro, xa que será os días 23 e 24 deste mes.

Neste caso, as filloas son cadradas, con corenta centímetros en cada lado, «aínda que nas casas hai filloeiras de polo menos un metro cadrado», apunta unha das bañesas da asociación que asume a organización desta cita gastronómica.

As filloas de Muimenta e Lestedo están emparentadas en tamaño. As compostelás son redondas e cun diámetro de vinte centímetros, mentres que as lucenses son cadradas, tamén de vinte centímetros por cada lado. A de Lestedo imponse sobre o resto de compañeiras porque atesoura o privilexio de ser a que conta coa festa máis antiga no calendario (o 10 de marzo celebra a súa edición número trinta e seis) e tamén presume de contar cunha roda xigante capaz de producir filloas para tanta xente como sexa mester.

O que achega a filloa de Muimenta, cuxa festa se celebra o 1 de maio, é que rompe coa tradición de que só sexan mulleres as que as elaboren.

Redonda e completamente distinta a todas as demais é a filloa de Zas, de sesenta centímetros de diámetro e elaborada sobre un ferro de ferro fundido cun acabado de aceiro, o que se traduce nun sabor e textura única. Tanto que parece unha peza de encaixe que necesita case un quilo de produto por peza. As persoas que onte non a probaron no pazo de Cores terán que agardar ao 16 de marzo.