Parapar regresa ao Compostela

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

ALBERTO LOSA RASINES - LOF

Manu Barreiro non xogará o próximo curso de branquiazul

17 jul 2025 . Actualizado á 23:30 h.

Parapar está de volta en San Lázaro. Un ano en Talavera, e o atacante decidiu regresar á capital galega para vestir de novo a camiseta do Compos. Juan Manuel Parapar Calleja (A Coruña, 1991) chega a Santiago tras conseguir o ascenso á Primeira Federación. Firma por unha tempada. Parapar xogará outra vez no club no que iniciou a súa carreira deportiva en España, tras un longo tempo por terras suízas. No Compostela estivo tres tempadas, todas elas na Segunda RFEF, disputando un total de 96 encontros. Marcou oito goles como branquiazul e repartiu máis dunha decena de asistencias.

Segundo os técnicos do Compos, Parapar «achegará velocidade, desequilibrio e capacidade para romper defensas, xa sexa cos seus caneos ou co seu disparo de media e longa distancia». Volve cunha clara misión de lograr o ascenso, un éxito que saboreou esta última campaña en Talavera de la Reina. Co cadro manchego logrou o salto á Primeira Federación tras disputar o play off. Disputou 31 partidos (22 como titular), marcou dous goles e repartiu seis asistencias.

Con 34 anos, o futbolista conta cunha ampla traxectoria no fútbol suízo, antes da súa primeira etapa no Compos. Con diferentes equipos xogou oito tempadas, con máis de 200 encontros e máis de 40 goles, escalando categorías ata chegar á Segunda División.

XOAN A. SOLER

O ariete Manu Barreiro non segue

Manu Barreiro (Santiago, 1986) non seguirá vestíndose de branquiazul. O veterano ariete, a errada fichaxe estrela de Antonio Agrasar, non acadou o nivel agardado nin puido liderar o ascenso dos santiagueses. O pasado curso só anotou tres goles. Fixo dez na campaña inicial. A primeira tempada foi letal durante a primeira volta, pero o seu rendemento tamén decreceu no segundo tramo do campionato. Disputou un total de 67 partidos.