A festa do derbi entre Obra e Breo comezará a partir das 12.30 horas na Fan Zone organizada para a afección

LA VOZ SANTIAGO

SANTIAGO

LA VOZ

Nesta ocasión, ante a posibilidade de choiva, habilitarase no interior do Multiusos Fontes do Sar

23 mares 2023 . Actualizado ás 17:19 h.

O Obradoiro sabe o especial que é esta cita para ambas as afeccións, polo que habilitará unha Fan Zone durante a previa do partido. Nesta ocasión (e ante a posibilidade de choiva) habilitarase no interior do Multiusos Fontes do Sar, no hall principal. Os afeccionados poderán comer alí mesmo grazas á colaboración coa Pulpería García. Entre as 13.30 e as 15.30 horas os asistentes poderán degustar racións de empanada, pementos de Padrón, polbo, churrasco de porco e criollos a prezos populares.

Quen o desexen poden reservar sitio para a comida a través da páxina web do club (bit.ly/40nu1wV) por dous euros por persoa antes das tres da tarde deste venres. Eses dous euros da reserva trocaranse por unha bebida na Fan Zone. O club admitirá reservas ata completar a capacidade máxima dispoñible para comidas.

Actividades

A partir das 12.30 os asistentes poderán gozar da previa do encontro con música en directo da man de Néstor Pena, da Orquestra Olympus, a gravación do podcast dos afeccionados obradoiristas Peito 3, o recoñecemento aos veteranos e animación ata a hora do encontro.

Ademais, ás 16.00, as penas e afeccionados recibirán ao equipo na súa chegada ao Multiusos Fontes do Sar e poderase continuar na Fan Zone con música e animación ata o comezo do encontro.