Veciños dos Tilos, co apoio do PP, piden ao Sergas a continuidade do centro de saúde

E.Araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

A futura construción dun moderno edificio na Ramallosa reordenará a atención sanitaria en Teo

26 ene 2022 . Actualizado ás 23:10 h.

Membros da asociación de veciños dos Tilos (Teo), que nas últimas semanas promoveron unha recollida de firmas para reclamar a continuidade do centro de saúde deste núcleo, aínda que se constrúa o da Ramallosa, reuníronse onte con representantes do Sergas, un encontro xestionado polo grupo municipal do PP.

Como representantes da Xunta participaron na reunión Eloína Núñez, xerente da área sanitaria Santiago, e José Flores Arias, xerente do Sergas. Este último, segundo informou o PP tras o encontro, sinalou que a localización do futuro centro de saúde depende da proposta que lles traslade o Concello de Teo, algo que, afirmou, aínda non se produciu.

A este respecto, o portavoz popular, José Manuel Guerra, esixiu «a máxima disposición e entendemento da alcaldía coa Consellería de Sanidade do Goberno galego, polo ben da veciñanza e para darlle a maior axilidade posible ao proceso de creación do novo centro». Guerra defende a construción do novo centro de saúde, porque «é unha moi boa nova para todos», pero tamén aposta pola continuidade da atención sanitaria nos Tilos.

Centro afastado

Marcos Moure e Alejandro Teijeiro, representantes veciñais, destacaron a necesidade do centro, aberto en 1994 , sinalando que unha das razóns polas que a poboación se asenta na zona é a localización do ambulatorio. A asociación destaca que se se pecha o servizo dos Tilos e concéntrase a atención na Ramallosa, as instalacións teenses quedarían máis lonxe que as de Santiago e con menos conexións de transporte público.