Xoán Eiriz: «Non foi fácil aceptar cantar a Rosalía»

La Voz

SANTIAGO

Cedida

O cantante ponlle voz a poemas do libro «Amada Rosalía» do escritor Suso Díaz

26 ene 2022 . Actualizado ás 04:50 h.

«Amada Rosalía» supón o decimo quinto disco de Xoán Eiriz (A Coruña, 1956). Nel ponlle voz a catro poemas do libro homónimo de Suso Díaz, que está completamente dedicado á autora de «Follas Novas». Da composición da música encargouse Nacho Varela. Nos catro temas do novo disco —que prevén teñan unha segunda parte—, «Ai Rosiña», «O triste son da campana», «Como chove miudiño» e «Canta meniña», a pretensión tamén é ofrecer unha imaxe da poeta afastada da melancolía.

—Como naceu o disco?

—É un disco que gravamos —ao igual que Suso Díaz escribiu o libro— en homenaxe da nosa cantora máis universal e está inspirado na súa obra poética. O libro de Suso Díaz ten 85 poemas e cando mo presentou non foi fácil aceptar, porque cantar a Rosalía non é nada doado polo que ela significa. É Rosalía; e Rosalía non é só fala, lingua, verso, alma de Galicia, senón que tamén a queren millóns de galegos e de persoas espalladas polo mundo enteiro. Penseino, pero, cando lin o poemario, dixen: «Adiante». Ademais, o traballo ten unha orixinalidade porque non coñezo a ningún poeta que escribira un libro completo dedicado a Rosalía e inspirado por ela. Suso Díaz parte sempre dun verso de Rosalía e a partir de aí escribe a súa poesía.

—En que se basearon para facer a escolla dos versos que se ían converter en cancións?

—Non era doado facer a selección entre 85 poemas. Nun principio, o disco ía levar 8-10 cancións, pero coa covid complicouse e fixemos catro, que teñen autonomía propia. Empezamos a traballar nel en febreiro e rematamos en novembro. Estes catro temas son a primeira entrega e dentro duns meses será a segunda. En canto á elección, é un traballo do equipo: un poeta, Suso Díaz; un músico, Nacho Varela; e eu, que puxen a voz. Non foi doado escoller, porque todos os poemas son fermosísimos, e o que máis decidiu foi Nacho Varela. Son todos poemas cheos de música, penso que naceron para ser cantados. De feito, o poeta pon ao comezo: «Para cantar».

—O anterior tamén era un disco baseado en poesía, por que esta elección?

—Eu tamén mo pregunto ás veces. O anterior tamén foi unha proposta, nese caso de Toño Núñez. Foi acollido de xeito marabilloso. Eu teño gravado de todo ao longo da miña traxectoria e do que máis orgulloso me sinto é, posiblemente, de que sempre intentei amosar a flexibilidade e universalidade da nosa fala para cantar calquera tema. Por iso hai un disco no que versionei grandes temas universais. Tamén canto cantigas populares e, en plan poético, teño gravado desde Cunqueiro a Celso Emilio. A miña voz permíteme adaptarme a calquera estilo musical. Agora, con este novo disco, estamos moi contentos, xa que está sendo recibido con moito agarimo. E para min é moi importante porque Rosalía significa moito para min.

—Son catro cancións moi diferentes entre si.

—Si, tentamos facer algo diferente. Seguimos bebendo moito no pop e as súas variantes. Díxenlle a Nacho Varela que o fixese con arranxos actuais e con reminiscencias de música galega: hai violíns, hai instrumentos de percusión galegos, acordeón... Hai máis que música galega, música celta, sobre todo en «Como chove miudiño». Intentamos facer aínda —que é unha auténtica barbaridade dicilo— máis galega a Rosalía cos arranxos musicais.

—Cando o presentarán en directo?

—Se todo vai segundo o previsto, preto da data do nacemento de Rosalía faremos a presentación na Casa Museo en Padrón. Despois, en abril, cando estea xa o auditorio, faremos un concerto completo.