Fundaspe

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

06 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Telmo non naceu en Oroso. É de Ourense, pero leva 18 anos vivindo nese concello da comarca compostelá. E é o tipo máis optimista que anda polo planeta Terra: non hai nada que lle faga decaer o ánimo. Unha rara avis que, coa cabeza ben asentada sobre os ombros, embárcase en mil e unha pequenas aventuras (e algunha non tan pequena).

Familia á parte, un dos seus dous amores é Fundaspe (o outro, o Real Madrid), a fundación que promove a altruísta doazón de sangue, actividade na que as medallas non brillan, un traballo humilde, unha mostra de solidariedade constante. Porque esta mesma tarde quen isto escribe ou quen isto le poden necesitar sangue, e se non hai doantes mal imos.

E a iso dedícase Telmo. E a unha chea de cousas máis, pero Fundaspe ocupa un lugar preferente no seu corazón. O curioso non é que sexa un home discreto que sen dúbida non agarda recompensa algunha. O curioso é que na urbanización de Oroso onde vive tan só un reducido grupo de veciños saben da súa vida, e el empéñase en cumprir aquilo de que o que faga a túa man dereita que non o saiba a esquerda. Para el, o importante é que cando o autobús de doazón de sangue aparque en Sigüeiro non marche sen carga. Por certo que, como nas próximas festas as reservas sempre baixan moito, Fundaspe lanzou unha campaña prenavideña.

Así é Telmo Rodríguez Cid. Un optimista impenitente que se dedica en corpo e alma a reforzar a entidade que patronea en Galicia, algo fundamental para o segundo paso, a doazón en si. O venres, ao entregar os premios anuais no pazo de Mariñán, víaselle co seu perenne sorriso. Mágoa que escaseen tanto os espécimes como el.