O alcalde de Santiago desvincula a afectación das obras públicas de peches comerciais

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Raxoi reformula os Bonos Corazón e baixa a 20 euros a achega do consumidor

24 oct 2021 . Actualizado ás 01:08 h.

O alcalde desvinculou onte o peche da panadería San José, na rúa Concheiros, das obras que se executan na rúa e que están esgotando a paciencia dos residentes. A panadería botaba o peche definitivo estes días, despois de 17 anos de presenza nesta rúa, ante a imposibilidade de desenvolver a súa actividade con normalidade polas obras, segundo apuntaba unha das súas propietarias hai uns días. Pero o alcalde desvinculaba onte ese peche da intervención reformadora na rúa, que se prolongou máis dos previsto inicialmente e cuxas molestias e incidencias na mobilidade persoal levantaron críticas.

O rexedor referiu onte que esa panadería levaba meses pechada, «e polo tanto non é atribuíble á obra», dixo despois de que se lle preguntase sobre se o Concello pensaba valorar a petición de comerciantes da zona de que se lles compensase polas perdas que lles ocasionaron as obras.

Sánchez Bugallo indicou entón que xa se abriron liñas de axudas con carácter xeral para todo o comercio, incluído o de Concheiros -«este ano imos polos catro millóns de euros» convocados, dixo- e situou o peche dese establecemento no principio do ano, antes, dixo, do inicio das obras, aínda que estas empezaron cara a finais do 2020, aínda que se retomaron con algo de atraso en xaneiro, tras o parón do Nadal.

E engadiu que ao lado desa hai outra panadería «con colas para mercar pan», polo que «é evidente -dixo- que non hai unha relación directa da obra co peche». Iso «non quere dicir -proseguiu- que non haxa molestias nin prexuízos para quen está no entorno dela [de la obra]». No entanto, xustificou, a reforma suporá «un importante beneficio», porque a rúa quedará remodelada «con tres millóns pagados por todos os composteláns».

Unha das propietarias da panadería apuntaba esta semana que pecharan temporalmente en xaneiro e achacou á forma de executar as obras que finalmente o cesamento da súa actividade na zona fose definitivo.

Cambios nos Bonos Corazón

Entre as axudas xerais ao comercio ás que aludiu o alcalde, están os Bonos Corazón, unha iniciativa aberta tamén á hostalería para mover un millón e medio de euros entre ambos os sectores ata o 10 de decembro. O Concello achega 600.000 euros. O resto, os beneficiarios. Pondo 45 euros para consumir no comercio e a hostalería local, o Concello achega outros 30, para conformar un bono de 75. A iniciativa, con todo, non tivo moito éxito. Ata onte solicitáronse 2.651 bonos, de 20.000 dispoñibles, polo que o Concello decidiu reformularlos baixándoos a 50 euros, reducindo a cantidade a achegar polo consumidor.

Os cambios non serán efectivos ata a próxima semana, pero rebaixarase a 20 euros a achega do interesado, mentres que o Concello manterá os 30 por bono, para facelo máis atractivo. Ademais, admitirá que unha mesma persoa poida solicitar ata tres bonos, co que quen xa o gozaron poderán pedir outros dous. Ata agora só se concedía un.