A provincia da Coruña ten 1.600 traballadores máis que antes da pandemia

lucía ortigueira piñeiro / s. l. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

En xullo rexistrou 444.505 cotizantes, 14.389 máis que no mesmo mes do 2020

30 ago 2021 . Actualizado ás 22:24 h.

Os primeiros indicios de recuperación de emprego empézanse a notar na provincia da Coruña despois do grave impacto que xerou o covid na economía. As afiliacións á Seguridade Social creceron notablemente en xullo, que é o último mes con datos dispoñibles. Son en total 444.505 cotizantes, que xa superan en 1.593 as cifras do mesmo mes do 2019, antes da pandemia. Ao facer unha comparativa co 2020 a melloría é aínda máis evidente, xa que a diferenza se sitúa en 14.389 traballadores. A creación de emprego en xullo tamén é considerable se se compara cos datos de xuño, cando os cotizantes se contabilizaban en 434.608, é dicir, 9.897 menos.

Aínda que a tendencia xeral con respecto ao primeiro ano da pandemia é o aumento das afiliacións, algúns concellos supoñen unha excepción e teñen menos cotizantes. Narón viu reducido en 329 o censo de persoas afiliadas á Seguridade Social. E pasa o mesmo en Ferrol , aínda que en menor medida, con 25 menos. En cambio, en municipios como A Coruña e Santiago os datos son moito mellores, con 3.948 e 4.041 novos cotizantes respectivamente. Tamén Ames protagonizou unha subida nas afiliacións, 904 máis que no 2020.

En relación a xullo do 2019, cando a crise derivada do coronavirus aínda non se produciu, A Coruña, Santiago, Ribeira, Oleiros, Carballo, Culleredo e Ames, entre outros, xeraron no 2021 máis postos de traballo. Destaca Oleiros, con 1.120 cotizantes adicionais. Con todo, non é un esquema que sigan todos os concellos da provincia, como se viu en Narón e Ferrol, que van perdendo afiliados cada ano. Tamén Arteixo pasou de 17.987 afiliados en 2019 a 17.548 en 2021, 439 menos.

A subida do número de afiliacións de xuño a xullo do ano actual é xeneralizada, sobre todo naqueles concellos que contan con maior número de cotizantes, pois todos experimentaron un aumento. A Coruña, que tiña 137.656 en xuño, creceu en 1.095 empregados; e Ferrol, con 18.821, subiu en 483. Pero o caso máis sobresaliente é o de Santiago, que pasou de 65.049 afiliados a 67.018, unha diferenza de 1.969 empregados, que en porcentaxe supoñen unha alza do 2,94 % nun mes. 

Diferenzas por réximes

Notable é a recuperación de emprego no réxime xeral, que xa supera os datos do 2019. Son na actualidade 340.554 os traballadores por conta allea na industria e os servizos en xullo, 4.166 máis que na prepandemia, e 15.358 máis con respecto ao ano pasado. A subida é cuantiosa en comparación a xuño, cunha diferenza de 9.383 afiliados.

Tamén é significativa a situación do réxime especial agrario, pois o 2020 foi o ano con máis cotizantes, con 2.382, 149 máis que no 2019 (2.233), pero tamén máis que no 2021 (2.168). Concretamente, a diferenza é de 214 afiliados menos este ano. En canto aos traballadores do mar, son 5.581 este mes fronte aos 5.478 de xuño, pero os seus cotizantes baixan ano a ano. Non pasa o mesmo cos empregados do fogar: tras o descenso do 2020 (10.955 afiliados cando no 2019 eran 11.359), no 2021 son 11.008.

Entre os autónomos, os cotizantes creceu desde xuño, de 84.886 ese mes a 85.194 en xullo, pero, a pesar diso, o seu número ha ir diminuíndo progresivamente desde antes da pandemia. Eran 87.140 en xullo do 2019 e xa no 2020 baixaron a 85.911.

Máis contratacións que no 2020, pero sen achegarse aos indicadores previos ao covid

Aínda que as afiliacións á Seguridade Social chegaron a superar a nivel provincial os datos prepandemia, non acontece o mesmo co número de contratos asinados. Na Coruña subscribíronse en xullo do 2021 uns 40.685 contratos, máis que no mesmo período do ano pasado, no que foron 33.390, pero menos que en 2019, cando chegaron a 50.544. O sector no que se produciron máis convenios foi o da hostalería, cun total de 8.445. Por sexos, o feminino é o que máis acordos estableceu neste sector, 4.657, aínda que foron máis os homes que asinaron algún tipo de contrato en xeral (20.797).

As ocupacións que xeran máis contratacións na provincia son, no caso das mulleres, de camareiras (2.852), persoal de limpeza (2.006) e vendedoras en tendas (1.598). E entre os homes créanse empregos de camareiros (2.905), peóns de industrias manufactureras (1.673) e peóns de transporte de mercancías e descargadores (1.578).