A Xunta adxudica por máis dun millón a demolición da vella estación de buses de Santiago

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Os traballos, con tres meses de prazo de execución, comezarán en setembro

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis dun millón de euros as obras de demolición da estación de autobuses de Santiago . Os traballos, que serán executados pola UTE formada polas empresas Xestión Ambiental de Contratas e Construcións e Servizos Orega, comezarán na primeira quincena de setembro e desenvolveranse durante un prazo de tres meses.

O obxectivo da intervención é a demolición do edificio principal da estación de autobuses de Santiago, tras quedarse sen uso unha vez trasladáronse os servizos á nova terminal intermodal, construída anexa á estación de ferrocarril da cidade. Con esta actuación, a parcela quedará preparada para a construción dun novo edificio administrativo da Xunta de Galicia, cuxo proxecto está actualmente en fase de redacción. No seu día, transcendera a idea de licitar algún elemento do novo complexo de San Caetano antes de finalizar o ano. Pola súa banda os edificios anexos á vella estación, destinados a oficinas municipais e ao parque de Bombeiros, manteranse en pé.

A superficie construída que será preciso tirar ascende a 13.301,40 metros cadrados, que se distribúen en tres niveles. Dada a configuración do conxunto, desde a consellería sinalan que «prevese realizar a demolición practicamente na súa totalidade no interior da parcela delimitada».

A dársena, o primeiro en caer

As obras comezarán coa demolición do edificio pola zona de dársenas de autobuses, desmontando ferros e elementos da cuberta, envolventes metálicas e carpinterías. Tamén se desmontarán as estruturas metálicas e as pasarelas de conexión coa terminal de pasaxeiros, demoléndose a estrutura de formigón sobre as dársenas.

A continuación derrubarase o volume superior, correspondente á terminal de autobuses. Nesa fase, se derruirán as plantas superiores desde a parte alta da parcela cara aos niveis inferiores. A execución dos traballos combinará ferramentas manuais co emprego de cizalla hidráulica, idónea para demoler estruturas integradas por formigón e aceiro.