Os xogadores do Obra xa teñen número e explicaron os motivos da súa elección

N. Vázquez, I. C.

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Álvaro Muñoz é o único que cambia o seu dorsal entre os que continúan no equipo

04 ago 2021 . Actualizado ás 20:24 h.

Os xogadores do Obradoiro, que o 28 de agosto disputarán a Copa Galicia fronte ao Breogán, escolleron xa os seus números para a nova tempada. Xa sexa por casualidade ou por motivos persoais, os dorsais gozaron desde sempre dunha potente carga simbólica para os deportistas, que levan ás súas familias ou lugares de procedencia sobre peito e costas.

Muñoz, único cambio

Haberá unha única variación entre os xogadores que continúan no equipo. Álvaro Muñoz explica que sempre xogou co seis ou co 33, o seu número este ano, pero que o curso pasado usou o dous en honra ao seu avó. Muñoz indica que «esta tempada decidín que volverei ao 33 porque ademais sei que a Viny [Okouo] gústalle o dous polos seus irmáns e preguntoume se podía cederllo».

Novos dorsais

As seis incorporacións elixiron número en función dos dispoñibles: o aleiro Thomas Scrubb, que lucirá o un, indica que é unha simplificación do seu once habitual, ocupado por Birutis . Okouo, pola súa banda, toma a vez de Álvaro Muñoz e portará o dous, cun significado especial: «Escollino porque teño un irmán e unha irmá. Xogo por eles dous», indica. O tres será para outro recentemente chegado, o base Braydon Hobbs, que destaca que «sempre foi o meu número favorito e quedouse comigo ao longo de todos estes anos». O arxentino Fernando Zurbriggen usará o cinco, que o acompaña desde categorías formativas, e a á pivote Marko Filipovity queda co 35, aínda que sen ningunha razón en particular: «Déronme o dorsal nun equipo no que estiven e decidín mantelo», explica. Para rematar, está o oito escollido por Ellenson , que non ten nada de casualidade: «Esta tempada elixín xogar co número oito porque a cidade da que son, Rice Lake, en Wisconsin, ten unha poboación de 8.000 persoas», declarou.

Os veteranos

Nun equipo no que dous anos de experiencia convértenche en veterano, cinco xogadores manterán o seu dorsal da campaña pasada. O incombustible Albert Oliver, que aos seus 43 anos seguirá unha tempada máis en Compostela , atopouse cando chegou con que o seu catro habitual fora retirado (como homenaxe a Bernard Hopkins), e deixou que a súa filla elixise o número seis, co que repetirá este curso. Álex Suárez segue co 93, o seu ano de nacemento, que comparte coa súa noiva e cos amigos cos que empezou a xogar ao baloncesto en Menorca .

Birutis xogará co once, e afirma non ter ningunha razón concreta, máis aló de utilizalo durante as últimas tempadas. Pola súa banda, Robertson manterá o trinta do ano pasado, cando lle cedeu o tres, o seu dorsal favorito, a Ozmizrak , e o nove será para Beliauskas, quen indica que é o seu «número da sorte» e que «vestir levando ese dorsal fai que me senta moi ben».