Hai espazo para a música medieval no TradFest co grupo 1500

n. vázquez / i. c.

SANTIAGO

Ana Garcia

Actuarán o sábado, ás 13.30, na igrexa de San Domingos de Bonaval

29 jul 2021 . Actualizado ás 04:55 h.

O sábado 31, ás 13.30 horas, actuará na igrexa de San Domingos de Bonaval o grupo de música antiga 1500, cuxo repertorio abarca desde os séculos centrais da Idade Media ata o Renacemento e os comezos do Barroco. O concerto, gratuíto, enmárcase no TradFest 2021, que aúna e celebra a tradición e a vangarda da música e o baile populares galegos.

Belén Bermejo, vocalista, e a cargo da percusión e o organetto (órgano portátil popular durante o medievo), considera unha excelente idea por parte do TradFest «a de abrir o repertorio de cara á historia máis antiga». Aqueles que acudan ao concerto poderán gozar «doutro tipo de música», que non se adoita escoitar neste tipo de festivais, pero que «comparte moitos elementos coa música popular, como trataremos de demostrar o sábado», explica Bermejo.

Outro elemento importante é a contorna seleccionada: o interior da igrexa de San Domingos de Bonaval, unha construción histórica dotada da solemnidade adecuada para o estilo musical do grupo 1500, tanto polo ambiente que tratan de conseguir, como polas características do edificio: «Estar nun espazo histórico convida ao recollemento, e sobre todo é importante pola acústica, xa que nós traballamos sen amplificar», explica a vocalista. Os interiores dos templos, deseñados para proxectar as palabras do sacerdote en tempos nos que non existían os altofalantes, recollen os sons dos instrumentos dun modo moi eficiente, e fabrican o clima sereno e solemne que require este tipo de música.

Catro integrantes de 1500 actúan nesta edición do TradFest. No grupo, camaleónico, hai sempre «un núcleo que varía en función das necesidades de cada concerto». Necesidades como os instrumentos empregados, réplicas de antigos, porque o rigor histórico na interpretación é prioritario para a agrupación.

Participaron en festivais como o Ciclo de Música nas Ruínas de Pontevedra ou a Festa dá Istoria de Ribadavia.