Antía Ameixeiras: «"Aire!" é un berro de foliada para invitar á xente a bailar e a cantar»

LUCÍA ORTIGUEIRA / I. c.

SANTIAGO

Xoan A. Soler

Caamaño&Ameixeiras é unha das numerosas propostas do Compostela TradFest do 31 de xullo

17 ago 2021 . Actualizado ás 11:43 h.

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño forman o dúo de música tradicional Caamaño&Ameixeiras, que o próximo 31 de xullo ás 18.00 estará a tocar no parque de Bonaval. O dúo nace en 2018 coa vocación de recuperar as melodías populares pero desde unha perspectiva persoal e contemporánea, con composicións e arranxos de autoría propia. Con esta esencia aterrarían na primeira edición do festival folk TradFest en Santiago, no 2019, e ata hoxe a súa traxectoria hase consolidado. Este ano presentan o seu primeiro disco, «Aire!». «Aire! é un berro de foliada, de compartir músicas, de invitar á xente a bailar e a cantar, un berro de catarse colectiva», explica Antía.

Antía e Sabela apenas se coñecían antes de decidirse a traballar xuntas. Foi unha amiga en común a que as puxo en contacto nun festival animándoas a colaborar. Quedaron para ensaiar e enseguida viron que encaixaban, ao ter intereses musicais moi parecidos. «Foi unha casualidade moi bonita, forxamos tanto un grupo profesional coma unha amizade», declara Antía. Co tempo, pasarían de versionar pezas tradicionais a crear a súa propia visión musical. Antía é violinista e pon a voz en ocasións, mentres que Sabela toca o acordeón cromático. Desde o inicio tiveron en mente a gravación do primeiro disco, que ao fin se materializou: «Estamos contentas de por fin telo aquí e poder ensinalo ao mundo».

«Aire!» ten 11 cancións e dúas partes diferenciadas. Unha máis intimista, na que ambas as intérpretes cantan soas en directo escoitándose únaa á outra, sen claquetas. E unha segunda sección con temas máis producidos, que xorde da necesidade de «compartir a nosa música con outros amigos músicos que admiramos». É por iso que o disco conta con destacadas colaboracións da talla de Xavi Lozano, Carola Ortiz ou Abraham Cupeiro. O sábado, no TradFest, os asistentes poderán gozar das melodías deste álbum: «Vai ser un concerto único e temos moitas ganas de tocar», afirma Antía.