Un acto xacobeo insólito

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

28 jul 2021 . Actualizado ás 05:25 h.

O acto que se vai celebrar mañá no Hostal —a presentación do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022, do Goberno central— é, canto menos, insólito, non ten antecedentes e levanta serias dúbidas sobre a capacidade dos asesores da ministra Reyes Maroto de entender que é e que significa o Camiño de Santiago.

Para empezar, a Xunta, que é a que xestiona o día a día dos camiños xacobeos e a que os delimita e conserva, non aparece no programa, agás que parece ser que un representante acudirá por alí. Debe ter sumo coidado para non ratificar coa súa presenza o totum revolutum que vai ter lugar antes se o Apóstolo non o remedia. Para seguir, un camiño non recoñecido como é o presunto de Muros e Noia figura con dereito nunha mesa redonda dun acto oficial á cal a alcaldesa de Triacastela se ha negado a ir —aínda figura no programa— para non ser marioneta neste despropósito. Si estará, ao parecer, o seu colega de Meis, suponse que representando a Ruta do Mar de Arousa e agardemos que non como parte dese invento da OJE franquista que é a Variante Espiritual. Pero falta, por exemplo, o peso pesado do Portugués que é Tui.

O peor é que quen elaborou ese programa totalmente politizado no que se ve con claridade a man da presidenta da Deputación de Pontevedra —¡que modera unha mesa redonda!— non entende o fundamental: que o espírito do Camiño é cooperación, encontro e compartir. Ou sexa, xusto o contrario do que se vai atopar a ministra Reyes Maroto.