«O Camiño de Santiago saca o mellor de ti mesmo»

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Membros do Colexio Médico de Cádiz chegaron tras peregrinar por etapas

25 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Nas xornadas previas ao día grande de Santiago, a festividade do Apóstolo, hai unha estampa que sempre se repite: a da multitude de peregrinos acadando a Catedral. Este ano, a pesar das limitacións que impuxo o coronavirus, xa desde primeira hora da mañá podíase ver unha Praza do Obradoiro chea de xente. E é que, á fin e ao cabo, é ano santo. Ás dez da mañá habíase formado unha longa cola en Praterías para entrar pola Porta Santa. É aí onde un numeroso grupo de médicos, pertencentes ao Colexio Médico de Cádiz , agardaban pacientemente a súa quenda baixa un leve orballo. Acompañábaos á súa chegada o presidente da entidade andaluza, Juan Antonio Repetto, e o do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Chano Vidán. A vicepresidenta do colexio gaditano, Carmen Sebastianes, leva desde o 2015 liderando un grupo de viaxes, cuxos integrantes adoitan variar, que cada ano percorre unha etapa do Camiño. Comezaron en Roncesvalles, e este ano tocoulles realizar os dous últimos tramos, xa que no 2020 non puideron peregrinar pola pandemia. Da experiencia destaca que «saca o mellor de ti mesmo, sabes cando outra persoa sofre e intentas axudarlle se ten algún problema». O equipo chegou canso, pero sen descartar repetir: «Un ve como ten capacidade para superarse, o mellor é coñecer novas facetas dun mesmo e dos demais». Nos vindieros anos valoran acadar Santiago por outras vías, como o Camiño Portugués ou o Primitivo. É común que os colexios de médicos fagan o Camiño por etapas durante varios anos, dada a dificultar de conseguir varios días libres seguidos na profesión. Chano Vidán comentou que desde a organización médica colexial «temos un plan para reunirnos con outros grupos que peregrinen a Santiago nunha data fixa», agardan que no 2022. Sería un encontro común entre varios colexios médicos, que tiñan pensado facer o ano pasado ata que o covid-19 o truncou. Desde o colexio da Coruña sempre tratan de ser anfitrións cos recentemente chegados e acompañalos nos eventos máis importantes.

 

Talento no Camiño

Un grupo de mozas provenientes de diferentes partes de España embarcáronse na Experiencia-T, iniciativa promovida por Talentum Youth, un proxecto a nivel nacional que fomenta o talento xuvenil. O 19 de xullo comezaron o Camiño Francés desde Sarria, e ao longo do percorrido asistiron a varios talleres nos que coñeceron a cultura galega e os costumes das súas xentes. Tamén puideron escoitar as lendas que envolven o Camiño e a espiritualidade que o impregna, da man de profesionais como a ilustradora Teresa Novoa. Durante dúas tardes, tiveron a oportunidade de participar en senllas sesións dinámicas nas que reflexionaron sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 8 da ONU, coa finalidade de impulsar o turismo sostible a través de prácticas innovadoras que se puidesen aplicar na vida diaria. Ademais de todo isto, cada día propuxéronse un reto para desenvolver o seu talento persoal, coa axuda, de entre outras persoas, das coordinadoras de Talentum Youth en Galicia, Olalla Pita e Bea Gallástegui.

PACO RODRÍGUEZ
 

Primeiro paso de vaca

Santiago é a primeira cidade que estreou un paso de vaca para peóns, un símbolo de homenaxe e apoio ao sector agrogandeiro. Xa o hai en Arzúa , Mazaricos, Santa Comba, A Baña e Mesía, cinco vilas que destacan pola produción de leite. A iniciativa en Compostela xurdiu da colaboración entre o Concello e Casa Grande de Xanceda. Na inauguración, na Praza Roxa, estiveron os edís Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, José Manuel Pichel e Goretti Sanmartín, ademais de Cristina Fernández-Armesto, da citada empresa. Rosón afirmou que o paso «representa unha parte da historia de Santiago» e lembrou como durante décadas a feira estivo na Alameda. Fernández-Armesto indicou que a iniciativa pretende pór en valor «as vacas, que valorizan o campo e dan valor e emprego», e é máis representativo que o paso de peóns, dixo. Quen acudan hoxe ao lugar poderán gozar dunha carpa-degustación e de diversas actividades.