A Xunta dotará con 5 millóns á plataforma de investigación Innopharma de Santiago

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Álvaro Ballesteros

O proxecto está liderado polos doutores da USC Anxo Carracedo e Mabel Louza

23 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A plataforma Innopharma, iniciativa galega para o descubrimento temperán de fármacos, será dotada con cinco millóns de euros por parte da Xunta, tal e como se aprobou no Consello de onte. O obxectivo é que se poida actualizar o equipamento científico-técnico do proxecto, liderado polos doutores da USC Anxo Carracedo e Mabel Louza, e facer uso de metodoloxías á orde do día como o big data, ademais de contratar persoal para o manexo das novas tecnoloxías e traballadores para a preparación das instalacións. Deste xeito, poderase ofrecer aos equipos de investigación biomédica das universidades de Galicia e institutos de investigación sanitaria apoio á hora de crear produtos e servizos proveitosos para o ámbito sanitario con máis facilidade.

Outra das finalidades é conseguir espertar o interese de empresas tractoras e novos profesionais para xerar emprego cualificado, aumentando a competitividade do sector. Innopharma é unha das iniciativas pioneiras en innovación farmacéutica, que busca «cubrir o oco existente entre a investigación básica en novos mecanismos terapéuticos e a súa aplicación industrial». O apoio da Xunta responde ao seu interese de que Galicia sexa líder no sur de Europa neste campo, dentro da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

A dotación económica foi financiada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.