O comedor dos Tilos dispara a súa demanda e o Concello de Teo engade un servizo complementario

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A Xunta licita o contrato por 80.400 euros ao ano e parte das familias poderán acceder de forma gratuíta por vez primeira

24 jul 2021 . Actualizado ás 04:29 h.

O colexio teense dos Tilos, cunha matricula de máis de 300 alumnos dos ciclos de infantil e primaria, estreará comedor xestionado pola Xunta para dar servizo a un máximo de 80 escolares. Todo apunta a que este número será insuficiente para cubrir a demanda de prazas, que crece de forma significativa en relación ao anterior modelo que xestionaba o Anpa, que atendía ao redor destes oitenta escolares, un número que podía aumentar en caso de servizos descontinuos.

O Anpa confirma o problema para atender todas as solicitudes, moi superiores ás previstas, unha circunstancia que a asociación vincula en parte a que o servizo que prestaban tiña un custo de 5,5 euros por menú, un importe sen descontos ao tratarse dun servizo exclusivo de conciliación . Pero como a Xunta, que prevé un gasto de 80.400 euros ao ano, ten en conta a situación das familias que solicitan o comedor, aquelas con recursos económicos limitados poden acceder a custo cero ou un prezo inferior a 5,5 euros por menú e día.

Ante esta circunstancia, e coa imposibilidade de incrementar as prazas do comedor no CEIP Os Tilos por falta de espazo físico (o servizo sempre funcionou con dúas quendas de comida), o Concello optará por manter o servizo Teo Coida, que precisamente se puxo en marcha o curso pasado cando o centro quedou sen comedor porque o Anpa renunciou a xestionalo.

Este programa, que na recta final do ano lectivo si serviu comidas para unha media de trinta escolares, funcionará durante todo o curso como un servizo de coidados e vixilancia entre as 14 e as 15 horas. A súa xestión corresponde á área municipal de Benestar e Igualdade, que deseña esta oferta como un programa de conciliación especial pola saturación do comedor, algo que non ocorre noutros centros.

Tranquilidade nas familias

A continuidade do Teo Coida, recoñecen no Anpa do Tilos, xera «tranquilidade» ás familias que necesitan conciliar e que poden quedar fóra co baremo que aplicará a Xunta para adxudicar as 80 prazas.

Neste sentido, desde o Anpa apélase xa á necesidade de ampliar o comedor, xa que no centro escolar hai espazo suficiente para facelo, buscando así adaptar a demanda á oferta de prazas.

A área de Benestar ten aberto o proceso de licitación deste servizo, xunto co Teo Madruga, de almorzos en todos os colexios para menores de ata 12 anos. As prazas previstas corresponden a 65 por centro. A adxudicación do contrato aínda non está pechada, pero ao proceso de selección só se presentou unha empresa, a mesma que xa xestiona ambos os servizos.