Belén María Castro: «Hai moi pouca formación sobre o Patrimonio e sobre o Camiño»

Cinthya Martínez Lorenzo
Cinthya martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

A profesora de Ciencias Sociais na USC presentará un proxecto de sensibilización cara á ruta de peregrinación xacobea

20 jul 2021 . Actualizado ás 01:38 h.

O mércores e xoves próximos celebrarase o IV Congreso Internacional de Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela. Nel presentaranse 21 proxectos que tratan de pór en valor a actividade científica, divulgadora e didáctica de persoas, entidades e universidades. Unha das relatoras será a profesora de Ciencias Sociais na USC Belén María Castro, que desenvolveu un proxecto que ten como obxectivo a sensibilización cara ao Camiño de Santiago a través da educación patrimonial.

«Levei a cabo unha experiencia didáctica con mestres e mestras de Educación Primaria en formación», empeza explicando Belén. A través da materia optativa Historia, Patrimonio e Educación en Galicia, que imparte no Grao en Mestre en Educación Primaria da USC, dezaseis alumnos puideron enriquecerse «cunha materia dedicada ao Patrimonio, porque hai moi pouca formación sobre el, e de xeito específico, sobre o Camiño», afirma Belén. De feito, a de Santiago é unha das poucas universidades públicas de España que contan cunha formación destas características.

Deste xeito, o alumnado deseñou, realizou e avaliou unha experiencia didáctica baseada no Camiño de Santiago: «Intentando incentivar as súas competencias investigadoras, éticas, reflexivas e de argumentación, buscando estimular o seu interese cara ao Camiño e fomentarlles unha conciencia de responsabilidade cara a el e o seu patrimonio». O seu propósito coa experiencia foi que os seus alumnos o descubrisen dun xeito totalmente diferente. «Tratamos temas máis controversiales ou sociais, por exemplo, a convivencia dos veciños cos peregrinos e turistas, ou o impacto que provoca nalgunhas localidades como Portomarín, que é un lugar de memoria que cada vez se vai extinguindo máis e o que acaba prevalecendo é a identidade xacobea», explica Belén.

O obxectivo é visualizar o noso papel como cidadáns no patrimonio. A profesora de Ciencias Sociais baseouse para traballar con elas nunha secuencia que se coñece como sensibilización patrimonial: coñecelo, comprendelo, respectalo, valoralo, recuidarlo, gozalo e transmitilo. «Nós desde a educación traballamos con persoas, e estas, canto máis educadas estean, terán unha actitude máis cívica, comprometida e respectuosa coa súa contorna», manifesta esta profesora compostelá.

A experiencia foi, canto menos, enriquecedora. A percepción inicial destes alumnos sobre o Camiño, asociada a unha perspectiva turística, cambiou a unha visión moito máis simbólica. «Xa falaban do Camiño como vínculos, emocións, experiencias… dando valor a esa parte máis emocional e experiencial da relación das persoas co patrimonio», relata Belén. Agora eles serán os encargados, como mestres de Educación Primaria, de transmitir esta sensibilización aos seus futuros alumnos.

«É unha materia optativa, e é un dos principais problemas», lamenta Belén Castro. Se na formación do profesorado non se traballa o Camiño de Santiago, dificilmente pódense transmitir valores cara ao patrimonio. «Necesítase insistir máis na educación formal nas aulas, e nisto os de ciencias lévannos unha gran vantaxe, porque hoxe en día todos estamos concienciados con reducir, reciclar e reutilizar porque nos están machucando coa súa importancia desde pequenos», explica a profesora. E engade que «con todo co patrimonio, que conforma a nosa identidade e cultura, aínda queda un longo camiño».