A área sanitaria de Santiago e Barbanza aproxímase aos 600 casos activos de coronavirus

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Xa son só catro os concellos da zona que se manteñen sen ningún caso diagnosticado novo en sete e catorce días

14 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O avance do covid na área sanitaria de Santiago e Barbanza acada os 577 casos activos, segundo o balance comunicado polo Sergas onte con datos das seis da tarde do luns. Son 42 máis que vinte e catro horas antes e 477 máis que fai só tres semanas. Hai cinco os pacientes ingresados, un máis, aínda que ningún deles en coidados intensivos.

En canto á situación por concellos das comarcas da contorna de Santiago, xa son só catro, pequenos municipios rurais, os que se manteñen sen ningún caso diagnosticado novo en sete e en catorce días. Son os de Boimorto, Santiso, Toques e Val do Dubra, mentres que o de Dodro pasou de entre 1 e 9 novos casos en catorce días -cando non se superan os 9 o Sergas non concreta porque a incidencia é moi baixa- a ningún nos últimos sete. Entre 1 e 9 novos casos en ambos os períodos mantéñense outros trece concellos: Brión, Boqueixón, Vedra, Frades, Tordoia, Trazo, Arzúa, Touro, Melide, Negreira, A Baña, Santa Comba e Rois. Ordes e Padrón pasaron de 11 casos diganosticados novos a entre 1 e 9, e O Pino, de 10 a entre 1 e 9.

Santiago, Ames, Teo e Oroso son, loxicamente, os que presentan os peores balances. Ames pasou de 31 casos novos en catorce días a 21 en sete; Teo, de 20 a 13 no mesmo período; e Oroso, de 15 a 12. En canto á capital, diagnosticáronse 125 novos enfermos de covid en 14 días, e foron 82 nos últimos sete. O municipio de Santiago tiña onte 132 casos activos, o que supón 23 máis.

Continúa o forte ritmo de vacinación na área sanitaria. O pasado luns acudiron á Cidade da Cultura o 95 % das 4.093 persoas de 60 a 69 anos de idade citadas para recibir a segunda dose de AstraZeneca, á parte das 350 citadas no Clínico na repesca para a primeira dose de Pfizer. A semana pasada, en Santiago acudiron a vacinarse o 90,6 % das persoas citadas.