O GES Brión terá un equipo novo de excarceración e verá ampliada a súa sede de Pedrouzos

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

Concello e Xunta poderían asinar o convenio este mesmo mes

06 jul 2021 . Actualizado ás 22:12 h.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Brión , que baixo distintas nomenclaturas dá servizo no municipio e a súa contorna desde hai 23 anos, disporá en breve dun novo equipo de excarceración, unha ferramenta fundamental, sobre todo para axudar a que as vítimas de accidentes de tráfico poidan recibir un atención sanitaria máis rápida e segura.

O servizo brionés, con atención as 24 horas do día e os 365 días do ano, xa dispón dun destes equipos pero supera os dez anos de antigüidade, polo que se fai necesario unha substitución que onte confirmou Alfonso Rueda, conselleiro de Vicepresidencia, durante unha visita ás instalacións de Pedrouzos.

A presenza de Rueda estaba motivada pola incorporación, a finais do pasado marzo, dun guindastre que ao despregarse supera os vinte metros de altura, o que permite atender urxencias xeradas en edificios de varias plantas, aos que agora se pode acceder desde o exterior. O novo equipamento, que xa se utilizou nunhas dez intervencións, é a última adquisición do GES, para o que o Concello tamén demanda unha ampliación, entre outros motivos, para protexer todo o material do que dispón o grupo, que tamén presta atención directa aos municipios veciños de Ames e Negreira, participando tamén nos servizos para os que son requiridos polo 112. Pablo Sanmartín, rexedor brionés, destacou do novo equipamento que «marca un antes e un despois nas intervencións do GES, xa que está especialmente preparado para actuacións en altura, equiparable ao existente en calquera parque de bombeiros». Tamén sinalou que o camión-guindastre supón «unha maior seguridade nas condicións de traballo dos nosos técnicos». Onte mesmo, este guindastre foi utilizada para acceder ao interior dunha vivenda de Bertamiráns para rescatar a unha persoa ferida que non podía abrir a porta pero que tiña aberta unha das fiestras do seu domicilio. O GES accedeu á vivenda e abriu a porta ao persoal sanitario, unha intervención na que tamén participou Protección Civil e a Policía Local

Alfonso Rueda recoñeceu a conveniencia de ampliar a sede do GES, unha obra que como paso previo debe contar cun convenio entre as administracións local e autonómica. Durante a conversación mantida co grupo de efectivos do GES, Rueda avanzoulles que a firma deste convenio podería ver a luz ao longo deste mes de xullo, sendo o seguinte paso a licitación da primeira fase do proxecto antes de que remate este exercicio, para concluír os traballos no primeiro semestre do 2023.