O paro rexistrado cae en 3.132 persoas na área de Santiago no último ano

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Capotillo

Nos vinte e cinco concellos había ao final de xuño un total de 12.921 desempregados nas listas do desemprego

04 jul 2021 . Actualizado ás 00:49 h.

O paulatino avance cara á normalidade na actividade socioeconómica ao ritmo do avance da vacinación masiva contra o covid ten un nítido reflexo na recuperación progresiva do emprego. Ao peche do pasado mes de xuño, nos 25 concellos da área de Santiago había un total de 12.921 persoas nas listas do paro, o que supón 3.132 menos que no mesmo mes do 2020.

O descenso do desemprego rexistrado -o que os demandantes de traballo fan constar oficialmente e que non inclúe ás persoas que se atopan en ERTE- prodúcese en todos os municipios da zona, en maior ou menor medida en lóxica proporción á poboación activa existente en cada un deles.

 Santiago e Ames reducen notablemente o paro rexistrado, ao pasar, respectivamente, no balance interanual de xuño, de 6.674 a 5.178 e de 2.143 a 1.728 parados, respectivamente. Entre as cabeceiras de comarca, Arzúa baixa de 282 a 227; Negreira, de 457 a 402; Ordes, de 813 a 702; Padrón, de 588 a 471; e Santa Comba, de 517 a 495 desempregados rexistrados. Na comarca de Santiago, Teo reduce significamente o paro oficial, ao pasar de 1.058 a 880; Oroso, en menor medida, de 460 a 399; ou Brión, de 434 a 358.

O desemprego segue castigando máis ás mulleres que aos homes. No municipio de Santiago, dos 4.989 parados de máis de 25 anos rexistrados ao peche do pasado mes de xuño, 2.807 eran mulleres, e 2.182 homes.

Dez concellos teñen xa menos desempregados que antes do covid

Dez concellos dos 25 das comarcas compostelás deron a volta ao balance negativo do paro provocado pola pandemia e pecharon xuño con menos parados rexistrados que os que tiñan no mesmo mes do 2019, cando o covid-19 aínda non irrompera no mundo. Estes concellos son A Baña, que tiña entón 174 desempregados, Touro (138), Dodro (174), Rois (207), Frades (93), Boqueixón (155), Brión (366), Val do Dubra (137), Santiso (63) e Toques (47), mentres que Arzúa empata con 227. Santiago ten oficialmente só 174 parados máis. No conxunto dos 25 concellos, hai agora 418 desempregados máis que ao final de xuño do 2019.