Novo avance do covid na área sanitaria de Santiago e Barbanza, aínda que só queda un hospitalizado

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Dos 125 casos activos, trece máis, un único paciente está ingresado na uci

26 jun 2021 . Actualizado ás 01:17 h.

Por cuarto día consecutivo, mantense o lento avance do covid na área sanitaria de Santiago e Barbanza. O Sergas notificou onte, co balance das seis da tarde do xoves, 125 persoas con infección activa en toda a zona, trece máis que vinte e catro horas antes. A parte positiva é que xa non queda ningún paciente en hospitalización convencional, ao rexistrarse unha alta no mesmo período, e só se mantén un enfermo na unidade de coidados intensivos do Clínico. Onte non foi comunicado ningún falecemento nesta demarcación sanitaria.

Nos concellos da contorna de Santiago predomina a estabilidade, con quince dos vinte e cinco municipios (Trazo, Val do Dubra, Boqueixón, Vedra, Brión, A Baña, Melide, Toques, Boimorto, Santiso, Touro, O Pino, Padrón, Rois e Dodro) sen ningún caso novo de covid nos últimos sete días, mentres que en Santiago se confirmaron dezanove casos, e nos nove restantes (Ordes, Tordoia, Frades, Oroso, Ames, Teo, Negreira, Santa Comba e Arzúa), entre un e nove, intervalo de moi baixa incidencia no que o Sergas non concreta. Nos últimos catorce días non se diagnosticou ningún caso novo en doce concellos: Val do Dubra, Boqueixón, Vedra, Brión, A Baña, Toques, Boimorto, Santiso, Touro, O Pino, Rois e Dodro.

Hoxe continúa a vacinación masiva na Cidade da Cultura, coa citación de 4.000 persoas de 50 a 59 anos, domiciliadas en toda a área sanitaria de Santiago e Barbanza. Ata o xoves habíanse administrado 435.198 vacinas en todo o ámbito.