O sector eólico pide que non se lle criminalice, pero recoñece certa burbulla polo bum renovable

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Parque eólico en Monte Corzán (Negreira)
Parque eólico en Monte Corzán (Negreira) PACO RODRÍGUEZ

Sobre os parques proxectados na área, 13 deles en Ordes, a Asociación Eólica afirma que iso non implica que se constrúan

11 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A área compostelá en xeral e a comarca de Ordes en particular non teñen motivos para preocuparse polos parques eólicos. Ou iso asegura Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), que insiste en que expor proxectos (21 parques na área de Santiago con 202 muíños) non implica a súa construción.

«Calquera concello pode estar tranquilo, porque ningún investidor vai meter o seu diñeiro se non ten seguridade xurídica. Por iso non entendemos que se nos criminalice; un parque eólico non sae adiante se os veciños non queren», afirma Pazo, que enmarca todos eses posibles proxectos en prospeccións e estudos que se fan por zonas. «Os documentos que presentamos son de alcance. Non podo dicir que ningún deses parques non se vaia a levar a cabo, pero hoxe en día non se están dando permisos para construír, así que non é tan doado», apunta o presidente da Asociación Eólica, que recoñece os efectos do bum das enerxías renovables.

«O futuro vai por aí e en cinco anos isto vai cambiar moito», explica Pazo, «así que ese bum da eólica, como tamén pasa coa enerxía solar, pode provocar certa burbulla por todos eses investidores que se soben ao que di a UE». E nese sentido, o presidente do colectivo de empresas eólicas recoñece que unha proxección como a que hai para Ordes (13 novos parques) sería algo «desmesurado».

Por iso, Manuel Pazo aposta pola planificación e pon ese traballo sobre a mesa das Administracións, das que demanda un maior compromiso coas renovables e ás que lles pide «que non se politicen tanto estes temas».

Sobre as críticas de distintas colectivos á falta de transparencia nos seus procesos, Pazo argumenta que «son tramitacións moi longas» e que, en calquera caso, «a asociación sempre ten a porta aberta para dar información e resolver calquera dúbida que poida haber».

Emprego e paisaxe

Desde a Asociación Eólica destacan os beneficios da súa enerxía e poñen en valor a cantidade de postos de traballo que crean, tanto de forma directa como indirecta. «Todo isto serve para asentar poboación porque ao final acaban chegando os servizos», di Manuel Pazo, que resta importancia ao impacto paisaxístico dos muíños por considerar que vai en cuestión de gustos persoais.

«A min gústanme, sobre todo cando paso por unha zona onde antes había un vertedoiro e agora hai uns cantos muíños», opina o presidente de EGA, que tamén defende os muíños máis altos para gañar potencia e ter que usar menos dos que se usaban antes.