Unión e forza

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde hai moito tempo, é obrigada a colaboración entre concellos veciños para acceder a mellores servizos e equipamentos, aínda que non sempre o entenderon así. Agora, cun horizonte de recursos públicos escasos, o que era lóxico pasa a ser obrigado, por amais dos partidismos e das relacións persoais entre gobernos locais. Non é esta unha prioridade descoñecida nalgunhas comarcas da área de Compostela e, aínda que esta colaboración non ten por que cinguirse á duplicidade burocrática que implican estruturas administrativas supramunicipais, hai que lembrar que sobrevive unha única mancomunidade de municipios, a Ordes, e que desde hai tempo hai unha dinámica de colaboración consolidada entre os tres concellos de Sar, e a dúo ou mesmo a tríos, na comarca de Santiago, moi especialmente entre Boqueixón e Vedra ou Ames e Brión, ou entre os dous barcaleses, Negreira e A Baña. Desta colaboración que non mingua a autonomía municipal porque é froito da vontade dos concellos, depende non só a posta en marcha de iniciativas para as que a unidade de acción é indispensable, como os programas de emprego, senón de servizos que doutro modo non poderían conseguir nin soster polos seus propios medios, en especial os equipamentos sociocomunitarios, tan necesarios para as súas poboacións envellecidas. Con experiencias positivas ou non tanto nas mancomunidades de servizos concretos -Ames segue esfollando a margarida sobre a súa continuidade ou non na de Barbanza para a xestión de residuos- hai obxectivos esenciais para resolver problemáticas concretas e, máis aínda, para fixar un punto de inflexión e normalizar estes mecanismos de colaboración supramunicipal. O do parque de bombeiros da comarca de Santiago, nun labirinto desde fai máis de tres lustros por falta de vontade política, é clave e deberá ser obxecto dunha decisión firme nos próximos días. Agora ou nunca para un servizo do que dependen vidas, aínda contando co eficiente labor dos grupos de urxencias supramunicipais. En leste e noutros servizos, Santiago e Ames teñen que ser os motores que tiren do carro, no canto de seguir vivindo sen mirarse á cara.