Branca Millán queda ás portas da WNBA e pon fin ao periplo americano

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Regresa a casa e prepara o desembarco no baloncesto profesional

08 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai cinco anos que Branca Millán fixo as maletas para afrontar o desafío da NCAA, a liga universitaria de baloncesto nos Estados Unidos. Enrolouse na Universidade de Maine e ano a ano non deixou de subir o listón ata erixirse nunha das cinco mellores xogadoras da historia das Black Bears.

Non todo foron bos momentos. Antes ao contrario, tocoulle lidar coa cara amarga do deporte ao sufrir unha lesión de xeonllo ao pouco de comezar o seu cuarto curso.

Lonxe de vir abaixo, envorcou todos os seus esforzos na rehabilitación e puido seguir un ano máis na universidade. Esa prórroga permitiulle seguir crecendo e batendo rexistros nas canchas, ademais de complementar a súa gradación en kinesiología e educación física con estudos sobre nutrición e desenvolvemento infantil e relacións familiares.

Pelexou con todo o seu empeño por facerse un oco na WNBA ata o último minuto. Conseguiu entrar no draft, pero non foi unha das elixidas. As Mystics de Washington puxéronlle sobre a mesa un contrato de proba nas semanas previas ao comezo da Liga , e non o dubidou nin un segundo.

Como ela mesma dicía, alí tivo a oportunidade de «vivir un soño», de formar parte dunha franquía no día a día, de compartir adestramentos con xogadoras que a partir do día 15 disputarán a liga de máis alto nivel no baloncesto feminino.

Sabía que tiña moi difícil facerse un oco. E así sucedeu. Agora a Branca Millán tócalle facer de novo as maletas, nesta ocasión para volver a casa despois de dous anos sen poder ver á súa familia, pola lesión de xeonllo e pola pandemia.

O seu próximo desafío é empezar a carreira no baloncesto profesional nalgunha das ligas europeas.