Os cartóns moedeiro para gastar no comercio de Melide poderán pedirse desde o luns

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

emitiranse 1.500 unidades a un prezo de 20 euros, os 10 euros restantes son os que achega o Concello

08 may 2021 . Actualizado ás 00:03 h.

O Concello de Melide abrirá, o vindeiro luns, o prazo para solicitar os cartóns moedeiro que, por valor de 30 euros cada unha, lanzou como medida de apoio ao pequeno comercio local. En total, emitiranse 1.500 unidades a un prezo de 20 euros. Os 10 euros restantes son os que achega a administración municipal, na sede da que o alcalde José Manuel Pérez (Adiante Melide) asinou este xoves o acordo de colaboración para a emisión dos cartóns prepagamento con Alberto Varela, director da sucursal na localidade de Abanca.

Ata o venres da semana entrante poderán solicitarse, no edificio multiusos en horario ininterrompido de dez da mañá a sete da tarde, os cartóns moedeiro, que poderán gastar nos establecementos comerciais de Melide entre o 24 deste mes e o 24 de xuño. A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) colabora na iniciativa, que persegue dinamizar non só o sector do comercio, un dos de maior peso na economía local, senón tamén o hostaleiro, un dos máis castigados polas restricións establecidas pola administración para conter a expansión do covid-19.

Segunda remesa

A campaña de apoio ao consumo no comercio e a hostalería locais retomarase despois do verán. O Concello melidense emitirá outros 1.500 cartóns moedeiro por valor de 30 euros para gastar entre o 27 de setembro e o 31 de outubro. O orzamento municipal na campaña ascende, así, a 30.000 euros.