Agora que, confiemos, empezaremos a ver luz ao final do longo túnel da pandemia por graza das vacinas, non estaría de máis resetear aspectos dos nosos modos de vida para dar pasos adiante que doutro modo, sen situacións límite como a que nos tocou sufrir, tardariamos moito tempo en pensar e, máis aínda, en asumir e pórnos ao choio. Uns son tan esenciais, íntimos e intransferibles, como a orde de prioridades cotiás, outros tan colectivamente necesarios como a forma en que nos organizamos para producir ou, simplemente, para divertirnos. Ancorada na tradición ou abocada á trivialidade, a festa non require competir por fondos de reconstrución como os que supostamente modernizarán a industria nin reciclar man de obra nin outros complexos obxectivos de medio ou longo prazo, senón de aquí e agora. Non se trata de volver á festa rachada para celebrar que seguimos vivos nin de recuperar, porque si e a calquera prezo, o que había. Agora que os concellos e as comisións de festas valoran se a posible suavización das restricións sanitarias permitiranlles resucitar pronto, quizais este verán, o que o covid interrompeu de súbito e os máis ansiosos están a convocar xa versións restrinxidas do que eran enchentes masivas, poderían pararse a pensar se convén darlle unha volta para facer algo máis e mellor que enchenta, bebedeira e chunda chunda, unha esmorga institucionalizada. Non confundir co final da verbena, que a música non debe faltar, se é boa e achega á xente, senón de achegar valor cultural e de descubrir os encantos dos trinta mil vilas de Galicia a través das súas festas, porque non van renunciar a elas. Nin falta que fai.