Un empuxón de madrugada na praza de Galicia, en Santiago, que pode saír caro: a Fiscalía pide ano e medio de cárcere e 3.900 euros

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O ferido, que tardou 120 días en curarse do todo, necesitou tratamento cirúrxico e odontológico

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Un empuxón mal dado nesas horas nas que a sensatez se difumina entre a escuridade da noite pódelle saír moi caro a un home que está agora acusado de lesións e para o que a Fiscalía de área de Santiago solicita unha pena dun ano e medio de prisión, ademais do pagamento dunha indemnización de 3.900 euros á súa vítima.

Os feitos que vai xulgar agora a sección sexta da Audiencia Provincial, que é a que ten a súa sede en Santiago, remóntanse ao 7 de xuño do 2017. Eran aproximadamente as catro da madrugada e o acusado, que carece de antecedentes penais, atopábase nas inmediacións da praza de Galicia compostelá cando, segundo recolle o escrito de acusación do ministerio público, «sen que conste exactamente a causa, pero con evidente ánimo de menoscabar a integridade allea, propinou un empuxón ao prexudicado a consecuencia do cal o mesmo caeu ao chan golpeándose o queixo».

Catro meses para curarse

Foi un golpe violento e seco contra o chan que fixo que o lesionado sufrise «unha ferida incisa» -é dicir, un corte -de tres centímetros no mentón, «así como a rotura parcial de pezas dentais e a parede do molar esquerdo», engade o fiscal.

Tardou en curar do todo 120 días, dos que quince deles foron cualificados como de prexuízo moderado e o resto de básico. Ademais, necesitou tratamento cirúrxico e odontológico, circunstancias todas elas que son as que terá que valorar o tribunal compostelán para determinar, no caso de que se declare culpable ao acusado, que indemnización debe recibir o prexudicado.

A Fiscalía cualificou os feitos como un delito de lesións e considera que non concorren circunstancias que poidan modificar a súa responsabilidade penal. É dicir, que non hai atenuantes que crea a acusación pública que deban aplicarse para rebaixar a pena que solicitou.