Amarai reivindica a vacina para os usuarios do seu centro de recursos

Natalia Rodríguez Noguerol
N. Noguerol ARZÚA / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

O presidente da xestora asegura que os usuarios «son un exemplo, e darían unha lección a moita xente»

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os usuarios do centro de recursos que xestiona en Boimorto a asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Arzúa e de Melide (Amarai) están máis que familiarizados coa novas rutinas que houbo que incorporar para reducir ao mínimo o risco de contaxio de covid. «Moi en contra do que a sociedade pensa, saben asumir normas e comportamentos, e non tivemos problemas con ninguén. Son un exemplo, e darían unha lección a moita xente», comenta o presidente do colectivo, José Luis Costoya, sobre a adaptación das 38 persoas que se atenden a diario no centro. Con todo, a pesar de que os protocolos e as medidas de prevención están a funcionar, considera primordial priorizar a vacinación dos usuarios no seu conxunto.

«Non nos parece lóxico neste caso vacinar pola idade, porque temos xente con patoloxías importantes, á marxe do seu grado de discapacidade», defende o presidente de Amarai, que expresa a súa indignación porque, transcorridos catro meses desde que comezou a vacinación, unicamente recibiron o antídoto contra o covid os 4 usuarios que teñen recoñecida unha dependencia de grao tres. A reivindicación é extensible aos demais centros da comunidade que, como o de Boimorto, atenden durante o día a persoas con algún tipo de diversidade funcional. E así llo trasladou Cogami, entidade á que pertence Amarai, á Consellería de Política Social, segundo apunta José Luis Costoya. Desde a Xunta indican que «os residentes dos centros de atención a persoas con discapacidade xa se vacinaron». Non é o caso, xa que logo, dos centros que, como o de Boimorto, funcionan exclusivamente durante o día, sen ser residenciais. Respecto diso, desde a Consellería de Sanidade apuntan que «na comunidade galega estamos a seguir dun xeito rigoroso a orde establecida na estratexia de vacinación do Plan nacional de vacinación».

A última actualización do documento non contempla a vacinación como grupo diana dos usuarios dos centros de recursos como o que xestiona Amarai, no que si recibiron a primeira dose da vacina contra o covid o persoal que traballa no centro, cun equipo multidisciplinar integrado por doce profesionais que atenden a persoas, de 23 a 64 anos, con diversidade funcional. Co traballo extra desempeñado polo persoal para adaptar á realidade sanitaria o funcionamento do centro e a atención aos usuarios móstrase «moi satisfeito» o presidente de Amarai, que afirma ter «un equipo tremendamente comprometido, e moi bo», ao que avala «o rigoroso traballo que fixemos para non ter ningún contaxio». De momento, toca seguir traballando sen baixar a garda para preservar ««as garantías suficientes para que non corra risco a saúde da nosa xente; con elas na man reabrimos, en agosto, o centro, ao entender que estabamos preparados», apunta José Luis Costoya.