Denuncian en Padrón o efecto «devastador» de proxectos eólicos

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Deputados do BNG alertaron no monte Castro Valente do impacto dos parques

16 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os deputados do BNG no Parlamento de Galicia Luis Bará, Montse Prado e Iria Carreira, acompañados de compañeiros do partido nos Concellos de Padrón , A Estrada, Dodro e Rois, visitaron onte o monte Castro Valente para denunciar, segundo dixeron, o espolio de Galicia por parte das grandes multinacionais enerxéticas. O monte que está situado entre os municipios de Padrón e A Estrada «é un dos puntos de impacto de parques eólicos e máis dunha liña de alta tensión», segundo alertaron os parlamentarios do grupo nacionalista na súa visita á zona.

Así, Luis Bará resaltou a «devastación e ou gran impacto» que supón a implantación dos parque eólicos e da liñas de alta tensión «en enclaves únicos con tanta riqueza natural e patrimonial», como Castro Valente. Tamén asegurou que desde o BNG seguirán traballando, tanto no Parlamento como nos Concellos afectados, «na esixencia de proxectos xustos, sustentables e respectuosos coas comunidades locais». 

Catro aeroxeradores máis

En canto a Castro Valente, o Bloque bota en falta unha resposta dos gobernos, incluído o municipal, «na súa defensa ou, cando menos, na petición do retorno dos beneficios económicos ás zonas afectadas». Neste caso, en concreto, está prevista a instalación de catro aeroxeradores, ademais da colocación dunha liña de alta tensión que, por outra banda, afectarán o xacemento arqueolóxico existente.

A nivel da comunidade galega, o BNG fala dunha «tremenda onda expansiva de parques eólicos», que afecta as comarcas de Ordes , Barcala, Santa Comba e Sar, de aí a campaña da formación «en defensa dos intereses do noso país», explica.