A comarca de Melide está outra vez sen covid, con 8 municipios máis da área metropolitana

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Santiago reduce os positivos, tras o repunte da fin de semana

15 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A comarca de Melide está desde onte libre de covid-19 , como estivo xa entre o 20 e o 30 de marzo. Ademais, dos tres municipios que a integran, Santiso leva sen ningún positivo desde o 20 de febreiro, é o que presenta a mellor situación da área metropolitana compostelá, e dos mellores de Galicia.

Cando a finais de novembro Sanidade empezou a informar de incidencia acumulada a 14 días, Toques era dos poucos nesa situación, na que se mantivo ata o 17 de decembro. Volveu estar sen casos entre o 2 e o 9 e do 17 ao 30 do mes pasado.

Santiso estivo por primeira vez sen covid entre o 7 e o 31 de decembro. E Melide tivo dous períodos previos sen coronavirus: do 10 ao 12 de marzo e desde o 20 de marzo ao 6 deste mes.

A estes tres concellos súmanse 8 máis dos próximos a Santiago sen casos: Boqueixón, Brión, Frades, O Pino, Ordes, Touro, Val do Dubra e Vedra.

No municipio compostelán descenden os positivos detectados nos 7 últimos días, ata 30, tras o repunte detectado a fin de semana, cando se descubriron 12 positivos en dous días, 11 deles asociados a tres brotes familiares, e pasouse de 23 casos o venres a 35 o domingo. Os restantes municipios mantéñense sen cambios. En Ames , hai 31.

Na área sanitaria de Santiago continúan por segundo día 367 pacientes a tratamento, informa o Sergas. Hai catro persoas menos ingresadas, e descenden ata 22, todas no CHUS e catro delas na uci do Clínico. Tras catro días con ingresos, HM Rosaleda volve quedar sen casos. As outras 345 persoas contaxiadas están nos seus domicilios Nas últimas 24 horas descubríronse 20 contagios, curaron 20 persoas afectadas e realizáronse 1.069 probas para buscar casos asintomáticos.

A vacinación continúa no Gaiás, hospitais e domicilios

Onte continuou a vacinación para o covid-19 e estaban citadas para recibir unha dose máis de 5.576 persoas, informa a xerencia da área sanitaria.

A maioría, 3.349, con idades entre 75 e 79 anos, recibiron convocatoria para acudir ao Gaiás. No Hospital Clínico e no médico-cirúrxico de Conxo estaban citadas 500 en cada un, con idades entre 60 e 65 anos. No hospital de Barbanza prevíase que acudisen 436 persoas, con idades de 75 a 79 anos. E 281 máis se programou que a recibisen no seu domicilio, por problemas para desprazarse. Ata o día 13 administráronse 123.4222 vacinas na área sanitaria; unhas 5.000 entre o luns e martes desta semana, indica a xerencia.

Sancionan a sete persoas por non usar máscara e a dúas por saltarse o peche perimetral 

A Policía Local de Santiago tramitou o martes sete propostas de sanción por non facer uso da máscara que é obrigatoria na vía pública. Ademais, cursou dúas propostas sancionadoras por saltarse o peche perimetral que prohibe a visitar Galicia a persoas que residen noutra comunidade autónoma. O parte emitido onte polos axentes municipais tamén dá conta de tres identificacións por festas en pisos que se celebraron hai uns días, que deron lugar ás propostas de sanción correspondentes.