Desde o mínimo do 28 de marzo detectáronse na área sanitaria 365 casos de coronavirus

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

En Santiago e Ames crecen os novos contagios nos últimos 7 e 14 días

14 abr 2021 . Actualizado ás 11:23 h.

Na área sanitaria de Santiago trátanse 367 pacientes de covid-19, de quen 341 están a seguimento nos seus domicilios, e 26, en hospitais. As cifras do Sergas reflicten un incremento dun 57 % de casos novos desde os mínimos da terceira onda, que se acadaron o 28 de marzo, cando se trataban 233 pacientes. Nos 16 días transcorridos desde entón detectáronse 365 positivos por probas diagnósticas, déronse de alta 226 persoas curadas da enfermidade e atribuíronselle cinco mortes -agora son 360 persoas falecidas desde o inicio da pandemia-.

Os ingresos tamén aumentaron: o 28 de marzo estaban 19 persoas en hospitais (2 delas na uci covid do Clínico) e agora son 26 (7 máis: 24 no CHUS, con 4 en citada uci do Clínico; e dous máis en HM Rosaleda). Tras o incremento de probas diagnósticas polos cribados dos últimos días, na última xornada descenderon ata 714 PCR e 481 serológicas. Estas probas tratan buscan novos contagios, asintomáticos, do coronavirus.

Brión, sen covid

Brión sumouse onte a Boqueixón, Frades, O Pino, Ordes, Santiso, Touro, Val do Dubra e Vedra, como municipios libres de coronavirus. Tordoia, que desde o día 5 estaba tamén sen casos, volve contabilizar agora entre 1 e 9 positivos -nestas cifras mínimas o Sergas non concreta o número exacto de pacientes-.

En Santiago tratábanse onte 66 pacientes de covid, segundo confirmou Sanidade ao Concello. A incidencia situouse en 33 casos nos últimos 7 días e 61 nos últimos 14, cun incremento respecto ao luns. Tamén crece Ames, con 23 e 35, respectivamente.