Jesús Baleato xa dirixiu o primeiro adestramento como novo adestrador do Arzúa

LA VOZ SANTIAGO

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Asinou ata final de tempada coa intención de confirmar a permanencia do equipo na categoría

15 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Jesús Baleato dirixiu na tarde de onte no campo municipal do Viso o seu primeiro adestramento como novo adestrador do Arzúa. O técnico regresa á entidade branquiazul tras confirmarse a marcha de Javi Rey , que ás seis e media da tarde acudiu á localidade para despedirse dos seus xogadores nos vestiarios do campo. Baleato asinou ata final de tempada coa intención de confirmar a permanencia do Arzúa en Terceira División, un reto complicado ante a gran igualdade que existe no grupo. Chegará ao municipal do Viso acompañado dun segundo técnico e dun adestrador de porteiros.

A noticia do cesamento sorprendeu a Javi Rey . «Non agarda esta decisión, claro que foi unha gran sorpresa», indica o xa ex adestrador do Arzúa. Sobre este cambio na dirección técnica do once branquiazul, Víctor Gómez, presidente da entidade, sinala que «a traxectoria do equipo nos dous últimos meses non era a que se agardaba. Desde a xunta directiva consideramos que era necesario un cambio. Por iso decidimos a substitución de Javi Rey ». Insiste o mandatario en que sempre é unha decisión desagradable: «Levo trece anos como presidente e nunca cesei a un adestrador. É a primeira vez. Se o facemos é polo ben do club».

Víctor Gómez, ademais, explica que «desde hai tempo dábanos a sensación de que tiñamos que cambiar a dinámica do equipo, que se non faciamos un cambio ía ser difícil aguantar na categoría. Pensamos en Baleato porque é un técnico con moita experiencia, que coñece perfectamente a categoría e ao equipo». O presidente e o adestrador que abandonou o banco chegaron a un acordo para pechar amistosamente a situación.