Subo a Marte

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

01 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Aveces aos cidadáns do montón desoriéntanos o non saber a que xoga este país. Ou sexa, as señoras, cabaleiros e ata infantes creciditos cos que un se cruza na rúa. Xa non se trata só dos políticos, senón dos que ven a palla no ollo alleo e non lles molesta a viga no propio.

A semana que acaba de rematar foi para subir á sonda esa que se foi a Marte. Comezaba coa suposta esquerda confirmando que non ía celebrar que o famoso 23 F (¡que noite pasamos na redacción deste xornal!) fose unha chapuza monumental, co cal uno xa non sabe a que xoga o BNG e danlle ganas de lembrarlle que mentres outros aguantamos o tipo (incluído o alcalde centrista de Santiago, Souto Paz) moito dos seus militantes tiraban papeis ao mar e cruzaban o Miño porque sempre nos queda Portugal.

Seguiu saíndo o sol e Ana Pontón levantouse coa idea de reprocharlle a Feijoo que non traballe para Galicia, mentres ela facía mutis polo foro á hora de condenar sen paliativos a violencia polo encarceramento dese rapeiro tan simpático que é o tal Hasél. Feijoo fará cousas ben e cousas mal, pero non está de vacacións no Caribe, que se saiba, así que traballar debe traballar.

Continuamos co Consello da Cultura Galega deixando ben claro que as torres de alta tensión en Aguieira -¡en pleno Camiño Portugués, e en ano santo!- son unha barbaridade, e a media semana alguén me fixo chegar a protesta por outra tolería: queren colocar eólicos en Castro Valente, en Padrón, unha fortaleza de varias hectáreas.

Bo, a que xogamos? Ou sexa, que país queremos? Alguén conserva un chisco de sentido común? Ou mo explican ou subo a Marte.