José Carballo: «Non se está apoiando como se debe os sectores afectados pola pandemia»

b. casal SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CESAR QUIAN

O vicepresidente da Cámara de Santiago percibe un cambio sen precedentes nas prioridades de consumo

01 mares 2021 . Actualizado ás 00:44 h.

Un ano despois da chegada da pandemia, boa parte dos sectores con máis peso na economía compostelá atravesan unha situación crítica. A importancia de rescatar os negocios máis afectados, ao tempo que se avanza en dixitalización e modernización, coñécea ben José Carballo, o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, que abrangue unha demarcación que vai desde Barbanza ata Melide.

-En que situación están as empresas da comarca?

-Hai unha gama moi ampla de situacións, desde as que están facturando por riba do mesmo mes do ano 2019, cando aínda non había pandemia, ata as que están gravemente afectadas. Hai sectores como o da farmacia, madeira ou rehabilitación que están na orde do 115 ou 120 % dun mes normal prepandemia, pero hai outros, como o turismo ou a hostalería, que están no 20 ou 25 %.

-Como é iso de facturar máis no medio dunha crise?

-Son casos minoritarios, pero que teñen explicación. Houbo un cambio de prioridades no consumo respecto a calquera outra crise. É un fenómeno que se está dando en toda Europa e que ten a súa lóxica: nesta pandemia os ingresos, grazas aos ERTE, seguiron chegando ás familias e polo tanto hai unha acumulación de aforros. Eses cartos non se poden gastar en viaxes, hostalería ou comercio, que son os sectores máis afectados, pero o entorno do fogar vese beneficiado. Nun piso de 70 metros igual traballan dúas persoas e estudan tres ou catro, así que hai quen están reordenando espazos de traballo e estudo. Aluminio, fontanería e madeira están por riba do 2019.

-As restricións complícanlle a actividade a certos sectores.

-Nós respectamos todas as decisións da Xunta, que é a autoridade competente en materia de saúde. Non queremos unha cuarta onda. Tería consecuencias directas para a saúde, pero tamén sería o máis ineconómico porque non se pode estar abrindo e pechando. Se non se garante a caída dos contaxios, hai que seguir mantendo a actividade económica parada, pero coa mesma contundencia que dicimos iso, tamén lle esiximos á Xunta que apoie economicamente os sectores máis afectados.

-Non se está facendo ben?

-As estatísticas para comparar o que fai Galicia e España e o que se fai na Unión Europea están aí. Non se está apoiando como se debe os sectores máis afectados pola pandemia. Desde a Cámara pedimos solidariedade e botamos en falta un apoio máis directo.

-Fálase tamén da exoneración de taxas e outras axudas indirectas.

-Iso está ben, pero non é suficiente. Despois dun ano de pandemia e de actividade limitada, abrindo e pechando constantemente, todo o que non sexa axudas directas aboca ao peche de miles e miles de empresas.

-Un dos sectores máis afectados, que ademais é clave en Santiago, é o da cultura.

-Nese campo falamos basicamente de microempresas que teñen que ter apoios directos. Na Cámara acabamos de lanzar, xunto coa Consellería de Cultura, un programa formativo para divulgar as axudas directas que está dando a Xunta, que é algo que nos piden moito. Tamén formamos nunha serie de contidos moi interesantes, como novos negocios, dixitalización ou capital risco. Agora mesmo, ademais, estamos tratando de completar un directorio de persoas e empresas que se dedican ao sector cultural porque non o hai feito.

«Unha zona sen industria queda desarmada nunha crise»

A necesidade de fortalecer o tecido industrial en Santiago resultou máis evidente que nunca, di Carballo, despois de ver como a facturación caeu e segue a caer na zona a causa das restricións.

-Tiña Santiago unha total dependencia do turismo?

-Sen dúbida e de aí a importancia de poñer todos os medios para reindustrializarnos. En situacións como esta ponse de manifesto a debilidade económica dunha zona tan dependente do turismo, da hostalería e do comercio. Está ben esa potencia, pero unha zona sen industria queda desarmada nunha crise.

-E que se pode facer?

-Os partidos téñense que comprometer e poñer todos os medios necesarios para a reindustrialización de Santiago. As empresas que exportan están mantendo o seu nivel de actividade e as exportacións estanse comportando moi ben, mesmo por riba das expectativas, pero o peso industrial na demarcación é baixo.

-Como se atrae e crea industria?

-Iso require dun equipo encabezado polo alcalde e un programa para vender os puntos fortes de Santiago, pero non vale só con publicitarse. Hai que ter argumentos e aí entra a simplificación administrativa, o prezo do solo e as autopistas dixitais, non só as físicas. Canto tempo tarda o Concello en dar unha licenza?

-Iso require dunha aposta clara e de medidas concretas.

-Non hai que inventar nada, o norte de Portugal estanos dicindo como é que se fai, porque eles aprenderon da crise do 2008 e nós non. Santiago non empezou con todo iso, salvo un pouco co polo de Sanidade e a dotación para articular unha serie de edificios no polígono da Sionlla. Aquí aínda estamos na fase de mentalizarnos de que hai que facelo, pero polo momento Santiago non está no mercado.

-Os fondos europeos de reconstrución poden ser un bo impulso para poñer todo iso en marcha.

-Eses cartos poden cumprir dúas funcións. Por un lado, poderían atraer aquí novas empresas, pero iso require de todo o anterior e de ter moi traballada, por exemplo, a lei de simplificación administrativa, que xa está no Parlamento. Tamén hai moito traballo pendente en temas de accesibilidade do solo, como digo, porque iso non pode ser un problema para o asentamento de empresas en Santiago.

-E a outra función?

-A segunda ten que ver coas empresas que xa están aquí. Espero que eses fondos axuden as que xa están instaladas con temas como a modernización e a dixitalización. Todo iso ten que levar a que gañen en competitividade, porque é un momento importante para facelo e esas axudas tamén teñen que servir para iso. Logo hai outras, como os 11.000 millóns anunciados polo goberno de Pedro Sánchez, que xa están para outras cousas, como soster e axudar os sectores máis afectados a seguir adiante.