O Centro de Hostalería impartirá un grao da USC tras converterse en centro adscrito

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CONCHI PAZ

O título de innovación gastronómica e xestión hostaleira chegará no 2022/23

27 ene 2021 . Actualizado ás 15:02 h.

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) pasa a ser un centro adscrito á Universidade de Santiago. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o reitor da USC, Antonio López, selaron onte o convenio que abre o proceso para que se imparta no centro o grao de innovación gastronómica e xestión hostaleira, un título oficial con validez en todo o territorio do Estado e que se integrará na oferta docente da institución académica de cara ao curso 2022/2023, segundo os prazos previstos pola Xunta e a Universidade.

«Hoxe é un día grande para este centro que desde o ano 1993 vén acreditando unha formación de excelencia no ámbito da xestión hoteleira e da gastronomía», asegurou o reitor, Antonio López, que lembrou que a colaboración entre o CSHG e a institución académica xa vén de atrás porque desde 1995 teñen convenios. «Esta adscripción vai permitir que o que xa era unha formación de calidade, contrastada, poida agora levar o selo dunha formación universitaria coa expedición dun título oficial», engadiu o reitor, que incidiu que desde que o seu equipo chegou ao goberno da institución asumiron como un reto a incorporación deste título á súa oferta.

«Ter un grado engade un plus de competitividade, un plus de excelencia ao que era moi bo, pero tamén supón unha enorme esixencia», asegurou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntando ás dificultades que houbo polo camiño «porque de non ser así xa estaría feito hai tempo». A firma deste convenio rubricado onte é un primeiro paso para a posta en marcha do novo título que se integrará na oferta docente da USC de acordo coa memoria previamente verificada e unha vez autorizada a súa impartición segundo o procedemento vixente no Sistema Universitario de Galicia (SUG). «Agora temos que conseguir que este proceso que se abre non se pare e sexa unha realidade para o curso 2022/2023», afirmou o vicepresidente da Xunta, que tamén lembrou os 2.500 estudantes que desde a súa creación pasaron polo CSHG e que agora están a traballar por todo o mundo e logran estrelas Michelin.

Tanto Alfonso Rueda como Antonio López puxeron énfase na achega que este grao suporá para o sector turístico galego, axudando tamén á transformación tras a pandemia.

Catro anos e un grao dual con gran peso das prácticas

O novo grao de innovación gastronómica e xestión hostaleira será dual. «Un elemento de modernidade que nos fai sentir especialmente satisfeitos», asegurou o reitor, Antonio López. Nese sentido, engadiu que «en ámbitos como estes, unha cousa é a formación académica, que se pode facer nas aulas que é importante, pero outra de moito valor é a formación práctica que se pode adquirir. Unhas prácticas que os nosos estudantes poden facer en distintos sectores relacionados coa súa formación». Precisou que o plan de estudos deseñado conta con máis de 2.500 horas de formación práctica ao longo dos catro anos que prevén conte este novo grao universitario.

Agora, despois da firma do acordo onte ábrese o proceso para fixar toda a programación académica. Nese sentido, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel fundamental levado a cabo tamén polo persoal docente do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) para esta transformación dos ensinos nun grao oficial da Universidade.

Por outra banda, conforme se presentaba a conversión do novo título de grao a Universidade de Santiago xa xurdían peticións de antigos estudantes do Centro de Hostalería para que lles convaliden os seus estudos e poder tamén contar con este novo recoñecemento.