Isabel Fraga: «Necesitaba un proxecto social para sentirme ben comigo mesma»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O 2020 foi o primeiro ano de lixeiras perdas da empresa, que factura 500.000 euros

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:46 h.

Arroupa é unha empresa de inserción social posta en marcha a finais de 2015 por Cáritas Diocesana de Santiago, cuxa actividade é a recollida solidaria de roupa para revenderla como pezas de segunda man, ao prezo de 4-5 euros de media. Unha experiencia «exitosa» a tenor dos resultados logrados en só cinco anos. «Temos unha nave de 1.200 metros cadrados no Tambre e catro tendas, en Santiago, Pontevedra, A Coruña e Arteixo. Somos vinte e seis persoas traballando, catro de estrutura, e vinte e dous contratos de inserción. A nosa facturación supera o medio millón de euros, aínda que pechamos o ano pandémico cun 30% de caída das vendas; en liña co sector do comercio minorista, que sufriu descensos de ata o 50%», tal como indica Isabel Fraga Castro (Lugo, 1969), gerenta de Arroupa e responsable do seu arranque. De feito, o 2020 foi o primeiro ano que pecharon o exercicio con perdas, «moi reducidas», precisa.

A industria téxtil é a segunda máis contaminante do mundo. «Así que en Arroupa apostamos pola prevención, procurando sensibilizar á hora de facer un consumo responsable. Reciclamos aquelas fibras que poden ter unha segunda vida da roupa que non podemos reutilizar. E o resto de pezas agora van ao vertedoiro, aínda que é certo que estamos a falar coa Xunta para evitar esta última opción», segundo explica Isabel Fraga, que tamén lembra a directiva europea en materia de xestión de residuos que considera o téxtil un residuo doméstico, por iso é polo que os concellos se verán obrigados a incorporar o correspondente colector específico para separalo. En canto á recollida de roupa na área da arquidiocese, basicamente provincia da Coruña e metade norte da provincia de Pontevedra, pasaron de 600 toneladas a 1.200, querendo chegar ás 1.500 no ano 2021. «Aumentaremos a flota de colectores na vía pública, indo aos concellos onde non temos ningún. Agora hai 215, dos que a maior parte -55 - están en Santiago», sinala a gerenta empresarial, á vez que destaca a cantidade de roupa que se recolle, «por amais » das expectativas iniciais.

Unha empresa de inserción social é aquela que emprega a persoas en risco de exclusión, unha condición que outorgan os Servizos Sociais de cada Concello e o servizo de Inclusión da Xunta de Galicia. «Pero o gran obxectivo destas empresas sen ánimo de lucro é que, despois de tres anos de contrato como máximo, esta xente poida incorporarse a calquera empresa ordinaria. De Arroupa saíron quince persoas que se recolocaron. Ese é o noso orgullo, e iso que a pandemia nos freou», subliña con satisfacción Isabel Fraga. Á marxe da tarefa concreta, estas persoas con contrato de inserción, cuxo 60% financia a Xunta, reciben na propia empresa formación en habilidades laborais, sociais e persoais: «Mesmo, nalgúns casos, temos que xestionarlles o salario que cobran». Mulleres maltratadas, antigos reclusos, persoas sen fogar e en deshabituación de sustancias tóxicas, inmigrantes e minorías étnicas ou persoas con diversidade funcional definen o perfil xeral deste tipo de traballadores. «Non sempre tes éxito, prodúcense recaídas, pero cada saír# adiante celébrase moito», advirte.

Licenciada en Económicas e Empresariais pola USC, Isabel Fraga viña de traballar en centros especiais de emprego e na empresa privada. «Necesitaba un proxecto social para sentirme ben comigo mesma. E aquí estou encantada da vida. É un proxecto que pode seguir crecendo creando novas empresas de inserción noutros sectores de actividade», segundo conclúe esta muller ilusionada co seu traballo.