Os concellos esixen un prazo definitivo para o futuro parque de bombeiros

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Piden saber se a opción con Santiago é viable ou se opta pola vía comarcal

25 ene 2021 . Actualizado ás 23:28 h.

Xa. Esta simple e contundente palabra resume a reflexión que boa parte dos alcaldes da comarca compostelá realizan sobre a necesidade de desbloquear o proxecto do parque comarcal de bombeiros. De feito, mañá está prevista unha reunión entre, polo menos, os rexedores dos concellos de Ames, Brión, Teo, Boqueixón, Vedra e Val do Dubra para retomar un proxecto que consideran de máxima prioridade. Sobre a mesa está a posibilidade de fixar un prazo definitivo e último para despexar todas as dúbidas xurídicas, económicas e técnicas sobre o futuro modelo do parque de bombeiros.

Esta mesma situación hase vivido en varias ocasións nos últimos trece anos, xa que este é o tempo que acumula a paralización do parque comarcal de bombeiros, do que soamente hai a estrutura inacabada de Salgueiriños. En outubro pasado, o prazo para retomar unha solución fixouse para o mes seguinte. Ata hoxe.

A última opción que estaba sobre a mesa é propiciar un parque que supoña unha extensión do municipal de Santiago, unha alternativa que desde o punto de vista da seguridade é a solución con máis apoios, pero as dificultades para dotalo de persoal dentro do marco lexislativo seguen paralizando a lombeirada final.

Os representantes municipais esixen un prazo definitivo para fixar o modelo e a partir de aí traballar a bo ritmo para que o proxecto sexa unha realidade no menor tempo posible.

Sobre a mesa segue estando, e cada vez con máis posibilidades, promover un parque comarcal que exclúa a Santiago, un modelo similar ao existente en Arzúa, Ordes, A Estrada ou Boiro. De feito, dependendo do concello compostelán de que se trate, estes parques de bombeiros son os servizos de urxencia que teñen asignados. José Miñones, rexedor de Ames, anfitrión e convocante do encontro de mañá, destaca que o proxecto do parque de bombeiros debe desbloquearse, «e se a opción de Santiago non é viable, hai que retomar o proxecto dun parque comarcal propio canto antes».

«Non sabemos se hai algunha solución para o problema da taxa de reposición para a viabilidade do proxecto con Santiago», engade Miñones, que viu como nos últimos días a necesidade de dispor de máis medios é fundamental. «A ver se as incidencias destes últimos días amosan, unha vez máis, a necesidade dun parque cerca», concluye.

De feito, o alcalde amiense lembra que os bombeiros que deben prestar servizo en Ames en caso de urxencia proceden de Boiro, polo que o tempo medio que necesitan para intervir supera con fartura a media hora, un prazo que xa incumpre os protocolos de urxencias. Como alternativa, o GES de Brión actúa en Ames sempre que é necesario, pero o rexedor considera que para garantir a seguridade en toda a zona se necesita máis persoal.

Rafael Sisto, alcalde de Teo, especialmente crítico coa dilatación de todo o proceso, recoñece o seu «profundo cabreo» pola falta de respostas e a acumulación de atrasos. «Segue pasando o tempo e non se avanza nada. Durante anos estivemos a falar da recuperación do espazo de Salgueiriños. A nós parécenos ben, sempre que sexa viable, o que non pode ser e agardar mais tempo para saber se é viable ou non», argumenta.

Sisto lembra tamén que no seu momento se acordou explorar a opción do parque comarcal con Santiago ou un propio e que esta segunda alternativa, á que concede máis posibilidades de materializarse por cuestións técnicas e xurídicas, non se analizou con suficiente interese, polo que, lamenta, perdeuse demasiado tempo.