Brillo nos ollos

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO

24 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Houbo un tempo, non demasiado afastado aínda que nos poida parecer que pasaron séculos, no que os composteláns festexaban, ían ao cine, atopábanse en bares e non tiñan dificultades para recoñecerse detrás dunha máscara. E hai outro de silenciosa ameaza de morte, de loita pola vida, de autoprotección colectiva, de liberdades restrinxidas, de heroicidade cotiá e de angostos escenarios para o encontro, fiestras e balcóns do confinamento convertidos en praza pública de alegrías e pesadumbres compartidas. Todo isto que estamos a vivir, o de antes e o de agora, está no Paseo Central da Alameda en oitenta grandes lenzos de luz cos que Xoán A. Soler, Sandra Alonso, Paco Rodríguez e Merce Ares, os fotoperiodistas de La Voz de Galicia en Santiago, constrúen unha crónica do 2020 que revela o que case ninguén é capaz de ver. As súas miradas transmiten emocións como nunca antes en máis de dúas décadas de exposicións «Compostela un ano de Voz», e conségueno nas circunstancias máis adversas, de distancia, de expresións apenas perceptibles no brillo dos ollos e de rúas entre baleiras e apagadas. Podemos contarnos moito destes dez meses, e desde La Voz estamos a contarlles moitísimo un día tras outro, un instante tras outro, pero en esencia, todo está neste relato en imaxes que, se a choiva o permite, ninguén debe perderse porque é a mellor mostra de reporterismo gráfico en Santiago. Mentres puido, Emilio Lavandeira, mestre de fotoperiodistas, sempre admirou «Compostela, un ano de Voz». Onte o BNG propuxo nomealo fillo adoptivo, e así debe ser, porque a memoria da cidade non pode perder o seu escintileo.