Balsámica vitoria

KOKE RAMA KOKE RAMA

SANTIAGO

Sandra Alonso

O Obra asina 37 minutos de gran baloncesto

20 dic 2020 . Actualizado ás 17:51 h.

Había que romper a serie, si ou si, ante un rival a priori alcanzable. A última derrota do xoves fronte ao Joventut e os termos nos que se produciu, tiñan ao obradoirismo algo nervioso. Fronte ao Zaragoza, despois de 37 minutos de gran baloncesto, cunha elevadísima anotación e acerto, apareceron tres minutos finais con algo de ansiedade, que deixaron talvez certo gusto amargo na vitoria final.

Pero o rival xoga tamén. Cando perdes de máis de 20 puntos adoitas aumentar o nivel de contactos, que unido a certa permisividade arbitral e bastante desacerto en ataque do Obra, fixeron que o partido chegase a un 95-87 a falta de minuto e medio para o final.

Pero centrémonos neses 37 minutos iniciais, onde o equipo se liberou de pantasmas. Cunha enerxía e nivel de acerto tremendo liderou o partido comodamente. As virtudes que atesoura este equipo déronse cita en todas as súas vertentes. Todos achegando e o equipo contou cun estilete de luxo: o canadense Kassius Robertson.

O partido do xogador de Toronto é para enmarcar. Está a facerse co liderado en base á súa capacidade de anotar e de xerarse tiros en calquera tipo de situación. En defensa é tamén dos mellores exteriores. Asinou 9 triplos, 37 puntos (marca anotadora do Obra na Liga Endesa) e 35 de valoración. Unha actuación case perfecta, porque a el tamén lle afectou o vórtice dos tres últimos minutos con algunha decisión errónea.

O obradoirismo, como dixen ao principio, talvez estivese algo nervioso, pois sete derrotas consecutivas é motivo de alarma. Sempre están os adestradores de salón dispostos a dar o seu veredicto e a súa sentenza, sen pór na balanza todas as circunstancias deste equipo, incluído o seu orzamento. Ségueme gustando este Obradoiro. Somos o que somos e hai que esixir en relación ao nivel.

Agora, dous partidos fóra de casa para rematar a primeira volta: Murcia e Andorra. Sete vitorias, ou sexa, unha máis, non sería unha mal bagaxe para afrontar a segunda parte da liga.