O Obradoiro asinou o seu peor rexistro

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

Fronte ao Burgos mostrouse ofensivamente moi débil ao sumar só 63 puntos

25 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Obradoiro non estivo moi acertado ante o Burgos. A súa debilidade ofensiva foi deixando sen opcións ao equipo de Moncho Fernández. Anotando só 63 puntos é case imposible gañar un partido na Liga Endesa. O cinco da capital galega asinou o seu peor rexistro da tempada. Por primeira vez baixou dos 70 puntos. En Sar, antes da visita do Burgos, o Obra tiña unhas medias anotadoras de 87,5, quedándose agora en 82,6 puntos. En cancha allea, a media do equipo está en 78,83 puntos por encontro, xusto a cifra coa que o Burgos arrasou na caldeira este último sábado.

No que levamos de curso, o Obra acadou os tres díxitos nunha ocasión, na cita inaugural ante o Fuenlabrada. Nas outras nove datas puntuou entre oitenta e noventa en cinco ocasiones e entre setenta e oitenta fíxoo catro veces.

Contra os burgaleses, o Obra non estivo acertado no tiro, cun pobre balance en triplos (10 de 35, é dicir, só un 29 % de efectividade), inferior ao 36 % do seu rival (8 de 22). Tamén estivo mellor o visitante desde a media distancia, cun acerto do 59 % (22 canastras de 41), polo 43 % dos de casa (13 de 30).

Para lembrar unha puntuación tan baixa hai que regresar á campaña pasada, na que o Obradoiro quedou en 64 puntos en Zaragoza, nun partido para esquecer e que rexistrou un marcador de escándalo (96-64). Durante o atípico curso anterior, no que só se consumiron 23 xornadas, o Obra baixou en catro ocasiones dos setenta puntos. Perdeu eses catro encontros por unha marxe moi ampla ante Zaragoza, Unicaja Málaga, Andorra e Baskonia. Sempre como visitante.

O Obra non acadou os setenta puntos once veces nas últimas tres tempadas. Case sempre sucedeu en pista allea. Nestas once ocasiones, o conxunto obradoirista só foi capaz de gañar un partido. Foi en Sar ante o Andorra (69-68) fai dúas campañas. Nese mesmo campionato, en dúas oportunidades os de Moncho Fernández nin sequera chegaron aos sesenta puntos.